O BNG CHAMA A PARTICIPAR NO DÍA DA PATRIA GALEGA
Participade no Día da Patria Galega!
A manifestación nacional sairá da Alameda o 25 de Xullo ás 12:00 h
Tanto o 24 como o 25 poderá desfrutarse de concertos e actividades varias no Festigal, no Campus Vida
O BNG de Compostela fai un chamamento a celebrar a Patria Galega no seu día, o 25 de Xullo. Para elo, a cidade albergará multitude de actividades, destacando a manifestación nacional que, como cada ano, percorrerá as rúas do Ensanche e da Zona Vella, saíndo da Alameda ás 12 da mañá no propio sábado 25 baixo o lema “Somos unha Nación, Soberanía e Dereitos nun Mundo en Paz”. A manifestación acabará na praza da Quintana, onde intervirán o Portavoz Nacional de Galiza Nova, Artai Gabiás, e a Portavoz Nacional do BNG, Ana Pontón, e na que o nacionalismo se unirá nun berro unánime pola defensa de Galiza e os nosos dereitos.
Porén, non será esta a única actividade arredor da Nación Galega. O día 24 as actividades comezan coa Homenaxe a Rosalía e Castelao que Galiza nova fará no Parque de Bonaval ás 17:30 h. Na noite, comezará o Festigal, o festival popular centrado na cultura galega que se celebra no Campus Vida, no que desde as 21:45h poderemos desfrutar dos concertos de Fuego Lolita (grupo compostelán gañador do certame Novos Valores), Nadie González, Mercedes Peón e Grande Amore. No día 25 de Xullo, tras o remate da manifestación, no recinto do Festigal haberá espazos para xantar. Asemade, postos de venda de diferentes asociacións e organizacións nacionais e internacionais, mercado de artesanía, feira do libro, espazo infantil, galería das letras e as ideas con palestras e presentacións, e por suposto, nova rolda de concertos con Kuartetas, Os Carunchos, a Orquestra Bravú Xangai e as Maruxa e Coralia Dilleis. Todos os horarios e actividades poden consultarse en http://festi.gal
Un día, por tanto, no que celebrar a nosa Patria, a Patria Galega tanto no político como no cultural. No que sabernos galegas e galegos, e reivindicar o noso dereito a ser e existir como nación.