UN NOVO MODELO DE TRANSPORTE URBANO PARA COMPOSTELA
O novo modelo de transporte urbano de Compostela xa é unha realidade: o Goberno Municipal adxudica o contrato para os vindeiros 13 anos
O goberno municipal logra desbloquear o contrato de autobuses tras case unha década
Desde outono, o servizo de buses vai cambiar radicalmente
Maior cobertura xeográfica, mellores horarios e frecuencias e maior fiabilidade
A Xunta de Goberno Local, reunida en sesión extraordinaria, aprobou a adxudicación do servizo de transporte urbano da cidade á UTE formada por Castromil, Alcalabus e Autobuses Urbanos de Lugo. Un contrato que suporá unha inversión de 118’8 millóns de euros para unha renovación completa do servizo de autobuses de Compostela.
Tal e como significou a alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín Rei, en rolda de prensa, esta adxudicación “afecta a un dos servizos que máis preocupa á poboación de Santiago, que merecía ter por fin un transporte de calidade”. A rexedora lembrou que “fixemos unha aposta clara polo transporte público, por gañar persoas usuarias nos autobuses”, e explicou que “a partir de outono vai cambiar radicalmente o servizo, imos ter unha maior cobertura xeográfica, mellores horarios e frecuencias, e unha maior fiabilidade; e todas esas melloras mantendo tarifas moi accesibles para a veciñanza”.
Grazas a esta nova adxudicación, o transporte urbano, tras case unha década en precario, dará un salto de xigante cara unha nova realidade na cidade, logrando estar no que se espera dun servizo como este no século XXI. A UTE ten agora 3 meses para iniciar a prestación do servizo nas condicións contratadas. Tal e como expresou Goretti Sanmartín, “antes de que remate o ano teremos funcionando a nova configuración das liñas, cos novos horarios e frecuencias, coas liñas alimentadoras do rural e o bus nocturno, e con todos os novos sistemas e APP de información para usuarios e usuarias”.
No novo contrato vai modificarse sensíbelmente o mapa de liñas, até un total de 16, con 6 liñas circulares e 700 paradas. Destaca a “TranSantiago”, que cubrirá Santiago desde o límite co Milladoiro (Ames) até o límite con Sigüeiro (Oroso), cada 30 minutos. O novo contrato tamén busca unha maior conexión co rural, con liñas alimentadoras: unha que cubrirá A Barciela, Busto, Nemenzo, Berdía, Marzo de Abaixo, Son, A Grazia e A Bálsoma, outra que irá por Santa Cristina de Fecha, Lamascal, San Xoán de Fecha, Brins e Pardaces, e unha terceira que pasará por Marrozos, e O Eixo. Nestas liñas, ademais, haberá dereito a dous transbordos de balde para poder completar as viaxes até o centro da cidade.
Por outra banda, manterase a liña lanzadeira ao aeroporto con frecuencias de 30 minutos (de 7:00 h ás 00:30 h), reforzarase o servizo aos polígonos industriais (de 7:00 h a 23:00 h) e de mércores a sábado incorporarase unha liña de bus nocturo, de 23:00 h a 5:00 h que cubrirá en traxecto circular o barrio das Fontiñas, os Hospitais, o Campus Vida, o barrio de Vite e o Campus Norte.
Todo isto será apoiado pola nova APP que disporá información interactiva de liñas, coas frecuencias e horas de paso por cada parada e información xeolocalizada de cada autobus en tempo real. A isto súmase a integración por medio de indicadores de apoio para persoas con diversidade auditiva e visual, a aplicación NaviLens, que permite ás persoas con diversidade funcional acceder á información da liña na que se atopan a través do seu teléfono móbil e pictogramas para a información das persoas con TEA -Trastorno do Espectro Autista. Súmase, tamén a información multimedia sobre as paradas e percorridos, wifi e puntos de recarga de teléfonos móbiles.
Respecto ás tarifas, manteranse tarifas accesíbeis, para o cal o Concello fai unha achega anual de máis de 8 millóns de euros. O prezo ordinario será de 1'40 euros, co billete escolar a 0'56, bono ordinario que deixa o billete en 0'63 euros e bono mensual, con viaxes ilimitadas, de 35 euros. O bono pensionista incluirá 100 viaxes gratuítas ao ano, con prezo de 0'50 euros a partir de aí, e tamén se inclúe unha tarifa para o bus do aeroporto de 6 euros no billete de ida ou 10 euros no de ida e volta. Ademais, para as persoas dependentes, con baixos recursos ou discapacidades maiores do 65% e acompañantes, o transporte será de balde.
Porén, nun inicio veremos unha frota provisional de transición, tendo a empresa 12 meses para substituíla polos buses definitivos vencellados ao contrato. Os autobuses ofertados pola empresa terán unha antigüidade media de 7,9 anos, e 15 deles serán xa 100% eléctricos, co beneficio ecolóxico e de ruído ambiental que suporá. Ademais, a UTE ofertou autobuses provisionais de piso baixo integral e sistema de inclinación lateral para facilitar a accesibilidade; 40 dos 67 vehículos terán dobre rampla manual e automática; máis do 40% contarán con sistema de guiado óptico-acústico para persoas con discapacidades auditivas ou visuais; e os vehículos terán o mesmo tamaño e aforo que a frota definitiva, cun total de 6.150 prazas fronte ás 4.951 das que dispón a frota actual. A empresa adxudicataria logrou a máxima puntuación posíbel no apartado de accesibilidade, confort e aforo, co que se garantizan estándares de calidade e seguridade.
Ademais, a renovación de frota trae unha nova imaxe: combinará as cores azul e crema históricos do transporte público compostelán até os anos 90, incorporando unha franxa vermella, en alusión á bandeira de Santiago.
Un novo modelo de transporte urbano para Compostela, despois de bloqueos alongados durante varias lexislaturas, e que este Goberno Municipal logra, por fin, sacar adiante.