Acto de homenaxe a Ánxel Casal

Acto de homenaxe a Ánxel Casal

Rubén Cela: “O asasinato de Ánxel Casal foi motivado pola defensa dos dereitos nacionais de Galiza, da democracia e da liberdade”

Miguel Anxo Seixas, historiador: “Casal foi un emprendedor que apostou por Galiza para facer os símbolos dun país”

Lucía Vázquez: “Os sistemas de coartación das liberdades de expresión levan a que os galegos e as galegas de hoxe non coñezan a historia da súa nación”

Santiago de Compostela, 19 de agosto de 2014.- O BNG organizou, un ano máis, a homenaxe ao alcalde nacionalista Ánxel Casal no aniversario do seu asasinato a mans da represión franquista. No acto interviñeron o portavoz municipal Rubén Cela, a responsábel local do BNG, Lucía Vázquez; e o historiador Miguel Anxo Seixas, investigador e autor de diversas publicacións sobre Ánxel Casal. Ademais, actuou un quinteto de gaiteiros e depositáronse flores a carón das placas conmemorativas do lugar da imprenta Nós, na rúa do Vilar número 15.

Con este acto, o BNG quere lembrar a Galiza Mártir porque tamén en Compostela se sufriron desterros, aldraxes e torturas, afirmou Rubén Cela, “lembramos a quen padeceu traballos forzados construíndo o aeroporto de Lavacolla ou a quen sufriu a violencia menos visíbel, pero non por iso menos dura, como Coralia e Maruxa Fandiño Ricart: as Marías, lembramos aos fusilados en Boisaca ou aos abandonados sen vida nas gabias de toda a comarca; Casal foi un deles”, explicou Rubén Cela.

Destacou ademais que o “vil asasinato” de Casal foi motivado “pola defensa inquebrantábel das súas conviccións: a defensa de Galiza e dos seus dereitos nacionais, da democracia, da liberdade e dunha sociedade máis xusta e igualitaria”. Por iso para os golpistas era imprescindíbel acabar coa súa vida, sinalou. “Por iso, para os herdeiros políticos dos golpistas é tan importante que non os lembremos”, afirmou o portavoz municipal.

Ensino en galego

Referiuse tamén ao xeito de Ánxel Casal para entender a docencia e o uso do galego na escola, xa que foi impulsor das Escolas do Ensino Galego en 1924, “moi diferentes dese falso plurilingüísmo da Xunta e da súa teima por financiar o ensino privado que segrega por sexos a pesar das sentenzas xudiciais”.

Rubén Cela fixo alusión, ademais, ao pensamento de Casal sobre a democracia “se chegase a coñecer os motivos polos que o Concello do que el foi alcalde vai polo seu terceiro rexedor nun mandato”. Preguntouse tamén sobre o valor democrático que daría Casal “se soubera que o seu Santiago ten hoxe a dubidosa honra de ser o primeiro Concello do noso país que ten un grupo de goberno con máis concelleiros non electos ca electos”.

Presión política e social para dobregar decisións do PP

“En Santiago acabamos de ver como a presión política e social foi capaz de dobregar decisións xa tomadas do PP: co intento de peche do Mercado de Gando de Amio, co intento de pelotazo urbanístico que o PP tiña preparado para a Finca do Espiño, co intento de supresión do partido xudicial de Santiago e co acceso ao parking de Galeras”. Todos eses casos teñen un percorrido común: decisión e teimosía do PP e unha contundente resposta política e social nas que xogaron un papel importante o Bloque Nacionalista Galego e a mobilización cidadá.

Pretenden acabar co orgullo dunha nación e da identidade propia

Pola súa banda, Lucía Vázquez aludiu a que “os sistemas represores e de coartación das liberdades de expresión levan a que os galegos e as galegas de hoxe non coñezan a historia da súa nación, co fin clarísimo do que antes asasinaban e co que hoxe reprimen a memoria que é o de acabar co orgullo dunha nación e dunha identidade propia”.

Foi un emprendedor que apostou por Galiza para facer os símbolos dun país

Miguel Anxo Seixas indicou a intencionalidade de Ánxel Casal “para facer do libro algo emblemático, que dignificase unha lingua e unha cultura, porque é un emprendedor e empresario galego que sabe que hai que apostar por Galiza e que hai que facer produtos moi ben elaborados e ben deseñados para deseñar os símbolos dun país xunto cun equipo de artistas e de profesionais”.

O historiador explicou tamén a traxectoria de Ánxel Casal nas Irmandades da Fala, nas Escolas do Ensino Galego, o seu paso por Organización Republicana Autónoma Galega (ORGA) que inicialmente defendía os intereses de Galiza e logo a creación do Partido Galeguista, sempre a carón de Castelao e de Díaz Baliño, entre outros.

Destacou tamén que o feito de que deitasen o corpo de Casal nunha cuneta, como o de moitas outras figuras destacadas, “simbolizou na época a imposición do terror contra a república, o galeguismo, o nacionalismo e o progresismo” para asustar a xente coa morte polos valores que el representaba.

Entre o público estaban Elvira Cienfuegos e Rafael Vilar, do grupo municipal do BNG de Santiago; portavoces e responsábeis locais da formación nacionalista nos concellos da comarca e membros da Executiva como Bieito Lobeira, Goretti Sanmartín e Adrián Dios.

actoanxelcasal

Acto de homenaxe a Ánxel Casal