O alcalde non ten vontade real de incorporar achegas da veciñanza á obra de Carreira do Conde
Rubén Cela critica que se destine unha partida tan elevada a esta actuación que mesmo supera o orzamento para a renda social
Santiago de Compostela, 13 de xaneiro de 2014.- O grupo municipal do Bloque Nacionalista Galego criticou o xeito de proceder do alcalde de Santiago con respecto a exporlle o proxecto previsto para Carreira do Conde á veciñanza e comerciantes da zona ao tempo que se inician as obras, porque así non transloce a vontade real de incorporar as súas achegas, indicou Rubén Cela.
O portavoz municipal nacionalista cuestiona tamén o feito de que se destine unha partida elevada a esa actuación, de 641.000 euros, que mesmo supera a prevista á renda social, cando existen prioridades máis necesarias para a cidadanía.
Ademais, considera que hai outras rúas en peor estado de conservación, que precisarían dunha actuación máis urxente, tal como reclama a veciñanza de moitos lugares da cidade.
Segundo explicou Rubén Cela, o BNG está de acordo cos procesos de humanización de rúas, pero cando se fan ben planificados, con transparencia, cunha interlocución real e proactiva coa veciñanza e comerciantes, ademais de ofrecer unha alternativa clara de estacionamento para os vehículos.