O BNG propón que o Consorcio habilite axudas para o illamento sonoro de vivendas da Cidade histórica
Rubén Cela requírelle ao alcalde unha actitude proactiva na busca dunha solución ao conflito existente no marco da programación de música ao vivo
O Concello ten que arbitrar unha saída a este conflito que permita compaxinar o dereito da veciñanza a poder descansar cunha programación cultural que inclúa música ao vivo á altura dunha cidade coas características de Compostela
Santiago de Compostela, 14 de xaneiro de 2014.- O portavoz do grupo municipal nacionalista, Rubén Cela, expuxo en rolda de prensa unha proposta que o BNG trasladará ao Consorcio da Cidade para que subvencione nun 90% a substitución de ventás na Cidade histórica co fin de contribuír ao illamento sonoro e térmico que contribúa a minimizar o ruído.
Rubén Cela demandoulle ao grupo de Goberno de Santiago que teña unha actitude moito máis proactiva na busca dunha solución ao conflito existente no marco da programación de música ao vivo en Santiago de Compostela. Nos últimos meses o BNG reuniuse con veciños particulares, co asociacionismo veciñal da Cidade histórica, con representantes da industria cultural e dos músicos de Santiago e tamén do tecido da hostalería nocturna. Do resultado desas conversas, reafirmámonos en que o Concello de Santiago ten que arbitrar unha saída razoábel a este conflito que permita compaxinar o dereito da veciñanza a poder descansar cunha programación cultural que inclúa música ao vivo á altura dunha cidade coas características de Compostela, dixo.
Para o BNG, a música ao vivo é unha riqueza en si mesma, porque dá a posibilidade de medrar a xente que comeza e de achegarse a artistas consolidados. Non ten moito sentido que se intenten promocionar novos valores do ámbito cultural e logo se lles dificulte a oportunidade de tocar na súa cidade, explicou.
A música ao vivo reforza un sector importante para Santiago en termos económicos e sobre todo en termos laborais, mesmo no Foro de Directores de Hoteis de Compostela recoñeceron que supón un valor engadido para propios e visitantes. As administracións públicas deben promover e pór en valor a música ao vivo e esta programación autoxestionada polo sector privado sempre tivo unha importancia destacada en Santiago, explicou Rubén Cela, mais nos últimos anos asistimos a un auténtico declive da programación cultural das administracións públicas na nosa cidade. Santiago de Compostela foi unha cidade da cultura moito antes de que se puxese unha pedra no Gaiás pero desgraciadamente se converteu nunha cidade moito máis gris no ámbito cultural, afirmou.
O Concello de Santiago debe ter unha vocación permanente para revitalizar a Cidade histórica e iso debe pasar pola fixación de poboación, pola dotación de servizos e por mellorar as condicións de habitabilidade das vivendas, para contribuír tamén a garantir o dereito ao descanso. O problema fundamental non é tanto a música ao vivo, senón o ruído nas zonas de paso, engadiu.
Para o BNG, convén clarificar o marco normativo do futuro, sobre a ordenación e a regulación de ruídos e actividades culturais nos locais, para que se faga co máximo consenso, con diálogo e coa vocación de chegar a acordos tanto co sector da hostalería, coa veciñanza e cos músicos. Así, o Concello ten que velar polo cumprimento de horarios, condicións de illamento e insonorización, co volume de decibelios e coa existencia de programación cultural.
Rubén Cela demandou tamén unha maior colaboración municipal e coordinación coa programación impulsada e xestionada polo sector privado, como houbo no pasado, porque é unha necesidade que forma parte crucial da actividade cultural da nosa cidade e o Concello non debe vivir de costas. O fundamental para resolver este conflito é o diálogo e o enfoque global, pois non é só na zona histórica, nin dos locais da hostalería nin dos músicos, agregou.
A pesar de non ser a solución integral a este problema, asegurou, para mitigar o ruído no interior das vivendas, o BNG propón demandar unha partida específica para unha liña de subvencións para o cambio de ventás nos ámbitos afectados por esta problemática, para axudar a sufragar até o 90% do seu custe e que manteñan os criterios que marca o Plan especial dende unha perspectiva arquitectónica e que melloren as condicións de insonorización e térmica. Isto non vai solucionar o problema, mais pode axudar a minimizalo, xa que as queixas non son só da música ao vivo nos locais senón do ruído ambiente que se crea nas zonas de paso e mesmo sen que existan locais, explicou.
Advertiu, ademais, que o BNG non presenta isto como a solución definitiva, o problema do ruído en Santiago non se soluciona só cunha liña de subvencións para instalar ventás novas, pero pode ser unha axuda importante nalgúns casos puntuais e entra perfectamente nas liñas estratéxicas que debera ter o Consorcio da Cidade. Queremos presentalo como unha programación plurianual, a 10 anos vista, para que dentro dunha década poida haber un número de vivendas determinado cun maior grao de insonorización, explicou Rubén Cela.