O BNG lembra que a cafetaría da estación de autobuses segue pechada pola inacción do Goberno local
As explicacións do alcalde de instalar máis máquinas expendedoras son unha burla ao servizo que brindaba este local na recepción de milleiros de estudantes, turistas e demais persoas usuarias que veñen á capital de Galiza
Santiago de Compostela, 15 de xaneiro de 2015.- O grupo municipal do BNG recorda que demandou no Pleno de xullo do pasado ano, logo de tomar posesión Agustín Hernández como alcalde, que se axilizase a solución para restabelecer na estación de autobuses o servizo de cafetaría e de restauración en condicións que permitan a continuidade dos traballadores. Seis meses despois, comprobamos que este alcalde non fixo nada para recuperar este servizo na estación de autobuses, da que diariamente fai uso un gran número de persoas e onde tiñan un espazo acaído para as esperas máis ou menos prolongadas, afirmou Rubén Cela.
Ademais, o peche do servizo, en marzo de 2014, deixou sen traballo un colectivo de profesionais que levaba moitos anos a desempeñar a súa actividade e cos que o anterior concelleiro responsábel da área, Luís Bello, adquirira o compromiso de velar pola súa continuidade. No Pleno de febreiro de 2014 o BNG presentou un rogo no mesmo sentido e a acta recolle o compromiso de que, así como se fixera nos primeiros pregos de condicións, nos vindeiros tamén se recollería a subrogación dos traballadores.
Até a actualidade, pese á necesidade existente de viaxeiros e viaxeiras de usar a cafetaría da estación de autobuses e ao compromiso adquirido co persoal, non se coñecen avances cara á recuperación deste servizo.
O BNG advertiu, en diversas ocasións, do prexuízo que causa que a estación siga sen servizo de cafetaría e restaurante, ademais de que o persoal está sen traballo e o Concello de Santiago, a través de Tussa, segue sen percibir as contribucións económicas derivadas desta concesión.
As explicacións do alcalde de instalar máis máquinas expendedoras son unha burla ao servizo que brindaba este local e demostran que o Goberno local é incapaz de manter unha cafetaría adecuada para a recepción de milleiros de estudantes, turistas e demais persoas usuarias que acoden á capital de Galiza a través da estación de autobuses.
Outras tres na mesma situación
Este problema das cafetarías por concesión pública vese agravado coa situación da do Auditorio de Galiza, do Centro Galego de Arte Contemporánea e do Museo da Cidade e das Peregrinacións, que seguen pechadas sen que o Goberno municipal adopte unha saída a esta falta de prestación de servizos.