Rubén Cela: É positivo que Agustín Hernández recoñeza o fracaso da política aeroportuaria da Xunta"
Unha de cada tres pasaxes internacionais de Lavacolla procede de Suíza, da emigración galega
A causa da estacionalización turística, entre xaneiro e marzo, pecharán entre 30 e 40 establecementos hoteleiros e moitos máis na restauración
Santiago de Compostela, 16 de xaneiro de 2015.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, considera positivo que, por fin, Agustín Hernández recoñeza o fracaso da política aeroportuaria da Xunta de Galiza, da área da que é foi responsábel durante moitos anos e foi unha mágoa que non atendera as reivindicacións do sector e do BNG onde se alertaba de que iso conducía a unha rúa sen saída.
Sobre a redacción do novo plan estratéxico para o período 2015-2021 en materia turística para Santiago de Compostela, o BNG considera que debe ser dialogado e consensuado co sector no que deberían participar tamén os grupos da oposición, pero previamente á súa elaboración hai que revisar o anterior e avaliar o que se fixo, o que non se fixo, por que e que cousas funcionaron e cales non, explicou Rubén Cela. Sobre todo no último período do PP porque o grao de execución foi ínfimo, engadiu.
O plan estratéxico actual estabelecía unhas liñas de actuación que en gran medida, seguen vixentes. Así, recollía dúas ideas centrais, que o futuro do sector turístico en Santiago de Compostela pasa pola internacionalización e pola desestacionalización.
Neste sentido, é positivo que, por fin, Agustín Hernández recoñeza o fracaso da política aeroportuaria da Xunta de Galiza, afirmou, da que é foi responsábel durante moitos anos e foi unha mágoa que non atendera as reivindicacións do sector e do BNG onde se alertaba de que iso conducía a unha rúa sen saída.
Na análise das cifras aeroportuarias de 2014 sinalou que son un pouco mellores cás do ano anterior pero iso non quere dicir que sexan boas. En concreto, no aeroporto de Lavacolla, que tivo un tráfico de 2.083.000 pasaxeiros, na práctica está estancado cunha suba dun 0,5%, moi lonxe dos 2,5 millóns alcanzados en 2011 e moito máis lonxe dos 4,5 millóns potenciais da nova terminal.
Esa suba está provocada pola pasaxe internacional, que superou os 450.000 pasaxeiros. A conexión internacional con máis pasaxeiros é Xenebra e a suma das tres conexións con Suíza é de 133.000 pasaxeiros. Unha de cada tres pasaxes internacionais con Lavacolla procede de Suíza, afirmou, evidentemente non se corresponde co turismo suízo que ten Santiago de Compostela porque hai unha compoñente clara da emigración galega que o Goberno local contabiliza como turista. Algo semellante acontece coas conexións con Londres e con Frankfurt, incrementadas coa emigración xuvenil que padece Galiza.
Medra a estacionalización turística
Sobre a liña estratéxica da desestacionalización, indicou que en decembro houbo unha ocupación dun 27,3% superior en catro puntos a decembro do ano anterior, que marca Santiago de Compostela como un destino estacional. Lonxe de cambiar, acrecéntase a tendencia e así, entre xaneiro e marzo, pecharán entre 30 e 40 establecementos hoteleiros e moitos máis na restauración. Iso implica que é imposíbel manter os estándares de calidade, precarízanse aínda máis os postos de traballo e dificúltase o futuro do sector.
Para o BNG, o Goberno municipal debera facer unha lectura menos compracente dos datos turísticos de 2014 e comezar a actuar xa porque dende decembro a marzo Santiago de Compostela non ten conexión con Madrid por avión nin os sábados á tarde nin o domingo pola mañá, que se agrava pola fata de conectividade ferroviaria tamén coincidente nese horario.
Rubén Cela requiriu ademais servizos complementarios para mellorar o sector turístico, como abrir o servizo de cafetaría da estación de buses, os usos da vella terminal, a loita contra os aloxamentos ilegais, mellorar a sinalética dos hoteis e dos lugares emblemáticos, o pago do IBI da Igrexa nos estabelecementos con uso hoteleiro e a conservación dos camiños de Santiago, entre outros. Para actuar sobre estas cousas que ten demandado o BNG non fai falta que estea redactado o Plan estratéxico de Turismo 2015-2020, concluíu.