Ana Miranda, en Santiago: "A nosa é unha candidatura limpa, honesta e anticorrupción"
A candidata nacionalista di que non hai que quedar na casa, hai que ir votar, porque esta cidade ten un Goberno corrupto por 11 votos
Santiago, 15 de maio 2014.- A candidata do BNG ás eleccións europeas, Ana Miranda, presentou hoxe a candidatura do Bloque ás europeas como a candidatura da limpeza, da anticorrupción, que non está contaminada e que vai defender aos galegos e galegas en Europa desde a ética. No BNG non hai Paulas Prado nin Condes Roa, recalcou. Por iso, a cabeza de lista do BNG ás eleccións europeas do vindeiro 25 de maio pediu ás galegas e aos galegos que aposten por unha opción política limpa e honesta, non contaminada como é o BNG, e non por partidos corruptos coma o PP, que reparten sobres en B e teñen imputados por todas partes, en Santiago máis imputados ca concelleiros, dixo.
Nun mitin en Santiago de Compostela, xunto ao portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, e a outros membros da candidatura como Suso de Toro ou Camilo Nogueira, Ana Miranda pediu aos galegos e galegas que vaian votar o día 25 porque logo de nada serve lamentarse. Esta cidade ten un Goberno corrupto por tan só 11 votos, exemplificou. Hai que ir votar, e votar polo BNG, que nunca lle fallou a este país, dixo a cabeza de lista do Bloque.
A telesanidade de Feijóo
A candidata nacionalista eloxiou as protestas dos profesionais sanitarios que defenden a sanidade pública e loitan por preservar un sistema sanitario onde a saúde sexa un dereito e non un negocio. Preguntoulle a Rajoy se está contento de pechar camas nos hospitais galegos, de aplicar políticas de recortes que están afogando á xente e do desmantelamento dos servizos públicos, como a sanidade e a educación.
A cabeza de lista do BNG criticou o peche de 1.200 camas nos hospitais galegos e dixo que para o PP as camas nos hospitais son un luxo prescindible e alertou á sociedade de que comézase pechando camas e acábanse pechando hospitais, polo que fixo un chamamento a todas as galegas e galegos para que se rebelen o 25 de maio contra estas políticas de recortes do PP votando ao BNG, que sempre defendeu os servizos públicos, lembrou Ana Miranda.
Ana Miranda criticou a proposta de Feijóo de cambiar as camas dos hospitais por teleasistencia para aforrar. Queremos sanidade pública e de calidade, non telesanidade, non queremos que manden aos enfermos pra a casa a toda présa para que non gasten e para que as mulleres deste país lles fagan de coidadoras e de enfermeiras gratis, dixo.
Gallardón, un predicador metido a ministro
A candidata do Bloque, que comezou lendo un poema de Rosalía, dirixiuse tamén ás mulleres que loitan baixo a bandeira de nin un paso atrás nos dereitos conquistados grazas á coraxe das nosas avoas, das nosas nais e de moitas outras antes ca nós. Encheme de carraxe ver a Gallardón, ese predicador metido a ministro, pretender dicirnos como e cando temos que ser nais. No noso corpo decidimos nós, afirmou.
Éncheme de carraxe ter que escoitar as ocurrencias machistas de Cañete comparando ás mulleres co regadío e recomendando ter coidado coas dúas cousas para non ter problemas. É machismo puro, denunciou. Rematou con palabras de Salvador Allende para dicir que moito máis cedo que tarde abriranse as grandes alamedas por onde pase a muller e o home libres para construír unha sociedade mellor, unha Galiza mellor, concluíu.