Ana Miranda, Xavier Vence, Suso de Toro e Ana Pontón intervirán no mitin central do BNG en Santiago

Ana Miranda, Xavier Vence, Suso de Toro e Ana Pontón intervirán no mitin central do BNG en Santiago

“A eurodeputada do BNG Ana Miranda realizou unha xestión indispensábel para darlle alcance internacional á estafa as preferentes”, di Xesús Domínguez

mit

Santiago de Compostela, 14 de maio de 2014.- O BNG saíu á rúa unha vez máis, de acordo coa programación da campaña electoral, para facer un reparto de material informativo destinado a convocar o mitin central de Santiago de Compostela que será este xoves ás 20:30 na praza do Toural. No acto, ademais da candidata Ana Miranda e do portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, intervirán Suso de Toro, Ana Pontón, Rubén Cela, Inma García Escourido, Xesús Domínguez, Camilo Nogueira e María Otero. Haberá tamén unha actuación musical.

Xesús Domínguez, que encabezou a reivindicación de persoas afectadas polas participacións preferentes, sinalou no reparto informativo que o BNG e a eurodeputada Ana Miranda “realizaron unha xestión indispensábel e moi útil non só para ir a plataforma a Bruxelas e coñecer a información de primeira man, senón tamén para denunciar e darlle alcance internacional a esta estafa masiva e conseguir a recuperación de máis de 1.300 millóns de euros que sería imposíbel sen a axuda do BNG, posto que estaba decretado polo Goberno do Estado que os 1.800 millóns de euros secuestrados en preferentes e subordinadas fosen directamente destinados ao rescate bancario”.

Subliñou “o apoio indiscutíbel do BNG coas persoas afectadas pola estafa das preferentes”, polo que afirmou que “será necesario manter presenza do BNG en Bruxelas para continuar con esa denuncia que segue aberta no Parlamento europeo” para a recuperación do aforro de milleiros de galegos e galegas, ademais de defender os intereses do pobo galego.

O candidato referiuse tamén á axuda brindada pola formación nacionalista a emigrantes retornados “que están a sufrir un acoso, unhas sancións e unha presión fiscal inxustificada” e a outros sectores como os produtores de mexillón que ven como se vai excluír a orixe do produto no sector da conserva para favorecer o lobby que trae este molusco bivalvo de fóra para vendelo como galego.

Imaxes do reparto

Ana Miranda, Xavier Vence, Suso de Toro e Ana Pontón intervirán no mitin central do BNG en Santiago