Rubén Cela tacha de inaceptábel o anuncio de Ana Pastor en campaña electoral
Cuestiona o clamoroso silencio nas melloras de seguridade ferroviaria, nos compromisos en Angrois, nos descontos da AP-9 e na estación depuradora
As obras que anunciou a titular de Fomento son infraestruturas xa comprometidas e cun considerábel atraso no seu procedemento
Santiago de Compostela, 13 de maio de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG de Santiago, Rubén Cela, cualificou de inaceptábel e inoportuno o anuncio de licitación de diversas obras realizado pola ministra Ana Pastor en plena campaña electoral, porque vulnera as regras de xogo democrático, como adoita facer o PP de xeito sistemático en cada convocatoria electoral.
Referiuse tamén Rubén Cela a que as obras que anunciou a titular de Fomento son infraestruturas xa comprometidas e cun considerábel atraso no seu procedemento e na súa tramitación, de aí que sexa inoportuno anuncialas en período electoral.
Ademais, cuestionou o clamoroso silencio doutras obras e melloras en infraestruturas de grande importancia como a adopción de melloras de seguridade no trazado ferroviario, os compromisos adquiridos coa veciñanza de Angrois, a dotación de usos para a vella terminal de Lavacolla, o plan de descontos da AP-9 e as obras da estación depuradora de augas residuais, entre outros.