Galiza Nova organiza un lanzamento de maletas contra causantes dos recortes e da emigración xuvenil
Alberte Mera afirma que en Galiza, só dende o nacionalismo se poderá conseguir un futuro de liberdade e de prosperidade para a mocidade galega
Santiago de Compostela, 13 de maio de 2014.- O BNG e Galiza Nova organizaron un acto de lanzamento de maletas no campus sur, para chamar a atención sobre a crúa situación da mocidade galega a causa dos recortes no ensino público e da falta de oportunidades laborais en Galiza. O secretario de Galiza Nova, Alberte Mera, indicou que só dende o nacionalismo se poderá conseguir un futuro de liberdade e de prosperidade para a mocidade galega.
O lanzamento de maletas produciuse contra unha estrutura coas caras de Feijóo, do monarca, de Merkel e de membros da Troika que, en palabras de Alberte Mera, condenan a xuventude á emigración, porque non fan outra cousa que darnos maletas para que emigremos e nos obrigan a marchar do noso país na procura de oportunidades laborais.
Con este acto, dicímoslle á mocidade galega que lle devolvan as maletas, que lle lancen as maletas ao Goberno español e a esa Troika que nos obriga a emigrar, porque nós queremos estudar e traballar na nosa terra, explicou Alberte Mera.
Así, Galiza Nova aproveitou tamén nesta actividade reivindicativa para lle explicar ao estudantado como funciona esa Unión Europea que obriga ao Estado español a recortar en servizos básicos para pagar a débeda, como un dos factores que motivaron a crise. A crise causárona eles, non a causamos nós, e o Estado español aplica esas directrices sen rechistar no ensino, na sanidade, no ensino e nos servizos públicos tan importantes para a sociedade, indicou.
Explicou ademais que cos recortes en bolsas a xente non pode continuar a estudar e vese na obriga de buscar traballo para poder pagar as altas matrículas e, de non atopalo, ten que emigrar como man de obra barata a Berlín, a Madrid ou a Londres.
Contra isto, queremos dicir basta, que a mocidade galega se rebela e que non vai tragar máis coas súas imposicións, afirmou Alberte Mera, e así animou a votar BNG o 25 de maio, unha formación nacionalista pensada para a mocidade e para conseguir traballo digno na nosa terra, co obxectivo de conformar unha alternativa a este modelo de Unión Europea e contra un Estado español tan corrupto.
Ademais, María Arranz, unha estudante da plataforma cidadá Avante Galiza que apoia a candidatura do BNG, advertiu que a crise provoca o recorte de bolsas e numerosas dificultades para a realización de prácticas con aulas sen ordenadores nin laboratorios e con deficiencias nas propias instalacións como pingueiras nas facultades de Matemáticas e de Filoloxía, puxo a modo de exemplo.