O BNG acusa o PP no Pleno de incompetencia na xestión e de instrumentalización dos orzamentos"
Non son capaces de chegar ao 30% de execución dos investimentos nun intre de dificultades como o actual, onde o papel das administracións públicas na dinamización da economía debera ser básico, explica Rubén Cela
Santiago de Compostela, 6 de novembro de 2014.- No Pleno extraordinario para a aprobación da amortización anticipada de débeda e o financiamento de investimentos con cargo a remanentes, Rubén Cela acusou o grupo municipal do PP de atesourar cartos durante estes tres anos pola súa incapacidade manifesta de execución do orzamento e polos novos endebedamentos que agora queren amortizar, non porque lles apeteza ou porque teñan a posibilidade, senón porque a Lei de Estabilidade Orzamentaria lles obriga.
Así, explicou que se dedicará máis do 90% do investimento previsto a tarefas de reparación, o que non deixa de ser lóxico e urxente se temos en conta a nula política de mantemento de infraestruturas e equipamentos que o Partido Popular fixo nestes últimos tres anos.
Falsear a realidade
Ademais sinalou que o grupo popular falsea a realidade, porque non era certo que cando chegaron ao Goberno este Concello estivese en bancarrota como intentaron facer crer á veciñanza e non é certo que uns meses despois, pouco menos, que nade na abundancia.
Cuestionou deste xeito a incompetencia na xestión e a instrumentalización partidaria da política orzamentaria por parte do PP. Referiuse á incompetencia porque teñen cartos de remanentes porque son uns malos xestores que non son capaces de chegar nin a un 30% de execución dos investimentos, nin nun intre de tantas dificultades como o actual, onde o papel das administracións públicas na dinamización da economía debera ser básico.
Aludiu tamén a motivacións como a vontade non disimulada do Partido Popular de chegar coa máxima liquidez e dispoñibilidade orzamentaria posíbel aos meses anteriores ás eleccións municipais, aínda que iso significase hipotecar a medio prazo e nunhas condicións moi desfavorábeis o Concello. É dicir, pretenden primar os intereses de partido sobre os intereses da cidadanía, explicou.