Rubén Cela: O BNG non vai pedir perdón por denunciar a corrupción e as malas prácticas no Concello"
As responsabilidades políticas de Currás seguen intactas, afirma
Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2014.- O portavoz municipal, Rubén Cela, afirmou que o BNG considera que Currás tiña que ter abandonado a Corporación hai moito tempo e aforrarlle á cidadanía de Santiago este patético epílogo. O BNG non vai pedir perdón a ninguén por denunciar a corrupción e as malas prácticas, nin por esixir responsabilidades políticas, indicou, se alguén ten que pedir perdón ese é o Partido Popular por todo o dano causado durante estes anos á veciñanza de Santiago, á imaxe deste Concello e ao seu funcionamento que, por desgraza, levará moito tempo recobrar.
Rubén Cela engadiu que non imos pedir desculpas nin pedir rectificación sobre o que o BNG defendeu nestes anos neste Concello; todo o contrario, reafirmámonos na petición de responsabilidades políticas a Currás pola súa actuación.
Recoñeceu que é certo que quedou sobresida, provisionalmente, unha das causas xudiciais que tiña abertas Ángel Currás pero a súa responsabilidade política nese proceso segue intacta. El era o alcalde e, polo tanto, o máximo responsábel do que acontecía no ámbito municipal nun momento onde se producían uns feitos gravísimos que seguen a ser investigados pola Xustiza e polos que seguen imputados o seu concelleiro de Tráfico, o seu xefe de gabinete e a súa responsábel de Seguridade.
As responsabilidades políticas de Currás seguen intactas, tanto no caso Carril como no que levou a que toda a súa xunta de goberno se tivese que sentar no banco de acusados, fose condenada e quedase inhabilitada, igual que no que ten que ver con algunhas das cuestións investigadas na operación Pokemon, explicou.
Referiuse tamén a que o BNG sempre defendeu o mesmo, a separación das responsabilidades xudiciais e políticas. A Xustiza ten unhas formas, uns prazos e uns procedementos e a política ten formas, prazos e formas diferentes, afirmou. O BNG defendeu sempre que aquelas persoas que teñan responsabilidades públicas e sexan imputadas por corrupción ou por malas prácticas especialmente graves e que crean grande alarma social, por unha cuestión de hixiene democrática, de transparencia, de ética e de estética teñen que abandonar de xeito inmediato as súas responsabilidades.
Alumeado de Nadal
Ademais, puxo como mostra de como seguen a funcionar inadecuadamente os procedementos con este Goberno local do PP que as luces de Nadal xa se comezaron a instalar esta semana como recolle a propia prensa con imaxes- a pesar de que aínda hoxe se aprobou formalmente en Xunta de Goberno o expediente do contrato. Isto constitúe unha mostra de que o procedemento neste Concello segue na mesma liña a pesar do cambio de alcalde.