O BNG recolle propostas para o programa e a candidatura das municipais na asemblea aberta
No encontro xurdiron preto de cen medidas que se poderían incluír no programa electoral de 2015
Santiago de Compostela, 7 de novembro de 2014.- O BNG de Santiago convocou o xoves 6 de novembro unha asemblea aberta co obxectivo de recoller propostas para a elaboración do programa e da candidatura ás eleccións municipais de 2015, ademais de posibilitar a participación activa do tecido social da cidade. Asistiron máis de 150 persoas procedentes de colectivos, da base do nacionalismo e militantes do BNG.
No acto avaliouse a primeira fase do proceso Construíndo Futuro, que convocou asembleas abertas en toda Galiza nas que se constatou a necesidade da existencia do nacionalismo galego como proposta electoral propia e diferenciada, como mellor instrumento na defensa dos intereses do pobo e cunha perspectiva de dignificación e de reivindicación do país. Explicouse tamén que se concorrerá á vindeira cita electoral co nome BNG - Asembleas Abertas, segundo acordou o Consello Nacional, co obxectivo de integrar persoas que fan parte das plataformas sociais ás que presta apoio a formación nacionalista.
Con respecto ao programa electoral, expuxéronse os eixes e o método de traballo que se desenvolverá nos próximos meses para a inclusión de propostas sectoriais e territoriais que logo aprobará a asemblea local do BNG. No propio encontro xa xurdiron preto de cen medidas que se poderían incorporar ao documento, que inciden fundamentalmente na necesidade de afondar nos mecanismos de participación social para a toma de decisións do Concello, na recuperación de espazos para a cultura, na revitalización do medio rural e na dinamización da economía local para a creación de emprego de calidade.