Rubén Cela: Moitas das formas de actuar e de proceder de Currás seguen vixentes con Hernández"
Asistiremos ao esperpento dun novo dedazo do alcalde que elixirá el nominalmente unha persoa para formar parte desta Corporación sen o aval democrático de ter pasado polas urnas, afirma o portavoz municipal
Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2014.- O portavoz municipal nacionalista, Rubén Cela, afirmou que a dimisión de Currás non era sen tempo, era unha aberración que se mantivese a situación de absoluta farsa na que se creou unha concellaría e unha dedicación exclusiva que non se correspondía non ningún tipo de traballo práctico. Polo que vimos nestes meses, moitas das formas de actuar e de proceder de Currás seguen vixentes tamén con Agustín Hernández, explicou.
Así, cualificou a situación de anómala e lembrou que o BNG levaba moitísimo tempo denunciando e pedindo a marcha de Currás da Corporación municipal. Destacou que a marcha se produce sen ningún tipo de contraprestación e de premio, como demandaba o BNG e maioritariamente a cidadanía, por ter facilitado o desembarco de Agustín Hernández no Concello de Santiago.
Unha nova persoa será concelleira sen pasar polas urnas
Para Rubén Cela, isto vai evidenciar, aínda máis, o esperpento que vivimos en termos políticos no Goberno de Santiago de Compostela, porque detrás desta dimisión de Currás verase como dos 13 concelleiros e concelleiras que saían electos en maio de 2011 só vai quedar unha persoa, Reyes Leis, e asistiremos ao esperpento dun novo dedazo de Agustín Hernández que elixirá el nominalmente unha persoa para formar parte desta Corporación sen o aval democrático de ter pasado polas urnas.
Referiuse a que, así, serán nove dos 13 concelleiros e concelleiras que integran o grupo de Goberno elixidos por ese sistema tan pouco democrático e carente de aval da cidadanía que se pode esixir nunha democracia.
Deterioro da cidade, que segue vixente
Con esa dimisión de Currás tamén dimite unha das etapas máis negras que viviu este Concello en termos de imaxe, da cidade, da institución, de prestixio, de funcionamento e de xestión, explicou Rubén Cela.
Se por algo se caracterizou a xestión de Currás foi por unha xestión autoritaria, prepotencia e desprezo á oposición, falta de diálogo, carente de rigor e ás antípodas do que precisa e merece unha cidade como Santiago, indicou.
Lamentabelmente, polo que vimos nestes meses, ese tipo de prácticas tampouco van desaparecer porque marche Currás e os autores e protagonistas principais daqueles episodios porque, por desgraza, vemos como moitas desas formas de actuar e de proceder seguen vixentes tamén con Agustín Hernández, concluíu.