O BNG reclámalle á Xunta que vele pola instalación da conexión de internet en Figueiras
A empresa de telefonía recibiu subvencións da Xunta e do Fondo Social Europeo para a instalación de banda larga e segue sen prestar servizo nas Moas, Correxíns, Folgoso e A Cova
Santiago de Compostela, 10 de novembro de 2014.- O portavoz do municipal nacionalista, Rubén Cela, demándalle ao alcalde Agustín Hernández que se sume á iniciativa do BNG para instar á Xunta a requirir a conexión a internet en Figueiras, ao abeiro das subvencións que outorgou a unha empresa de telefonía.
A raíz dunha demanda da asociación veciñal de Figueiras Nova Xeira ante a imposibilidade de ter acceso á conexión de internet por medios terrestres, o BNG presentou unha batería de preguntas e unha proposición non de lei no Parlamento de Galiza, a través da deputada Ana Pontón, para instar ao Goberno da Xunta a actuar con celeridade para requirir que a empresa concesionaria ofreza este servizo.
Segundo explicou Rubén Cela, en abril deste ano entrou en servizo unha nova centraliña con tecnoloxía MUXFIN instalada no lugar de Marmancou, na parroquia de Figueiras. Esta centraliña foi instalada pola empresa Movistar e recibiu axudas tanto da Xunta de Galiza, como do Fondo Social Europeo, inscritas nas actuacións derivadas do plan banda larga, indicou.
Na actualidade, non toda a veciñanza de Figueiras se pode beneficiar desta nova centraliña senón que sabemos de, cando menos, 20 familias que teñen solicitado ese servizo a Movistar e non llelo ofrece alegando que non dispoñen de cableado até eses lugares, sinalou. En concreto, non ofrecen servizo de banda larga nas Moas, Correxíns, Folgoso ou A Cova.
Deste xeito, o BNG esíxelle ao Goberno que se existe unha subvención pública a unha empresa privada co compromiso de garantir un servizo público dixital de calidade que lle demande á concesionaria, neste caso Movistar, que garanta un servizo en igualdade de condicións para a veciñanza desta parroquia de Figueiras, sinalou Rubén Cela.