Elvira Cienfuegos rexeita a dobre medida coa empresa das escolas infantís e co gandeiro sancionado
O Goberno local aplica unha sanción simbólica a unha empresa concesionaria, logo dun ano de incumprimentos e de requirimentos xudiciais, e unha ordenanza concibida para o medio urbano a un gandeiro que desenvolve a actividade agropecuaria no rural
Santiago de Compostela, 11 de novembro de 2014.- A concelleira do BNG Elvira Cienfuegos cuestionou o xeito diferenciado de actuar do Goberno municipal en base a dous procedementos sancionadores: o caso da xestión das escolas infantís de Conxo e Fontiñas e o do gandeiro sancionado por as súas vacas deixar deposicións na vía pública. Así, cualificou de omisión deliberada de control da empresa contratada nas escolas infantís e de aplicación desproporcionada de recursos ás prácticas dun veciño que ten no agro o seu modo de vida, co resultado de sancións igualmente desproporcionadas en relación aos feitos e ás súas consecuencias; excesivamente reducida no primeiro caso e improcedente no segundo.
Segundo explicou Elvira Cienfuegos, pasaron distintas concelleiras de Educación e distintos alcaldes que manteñen o mesmo modus operandi: omisión deliberada de control da empresa contratada e aplicación desproporcionada de recursos ás prácticas dun veciño que ten no agro o seu modo de vida.
Deste xeito, explicou, o Concello dótase do dubidoso privilexio de ser, posibelmente, o primeiro de Galiza en poñer os máximos recursos policiais posíbeis para facer un seguimento exhaustivo do proceder dun gandeiro até lograr aplicarlle unha sanción en base a unha ordenanza concibida para o medio urbano e, fundamentalmente, referida a animais de compañía ou de caracter deportivo.
É a dobre medida que se aplica neste Concello, subliñou, permítese que as empresas, por el contratadas para levar a termo servizos específicos, aínda que sexan delicados como os da educación infantil, incumpran as condicións do seu contrato, pero dedícanse máximos recursos a controlar as deposicións bovinas en área agrogandeira e a garantir que sexan retiradas con extrema celeridade. Por se non eran abondas as dificultades do sector agropecuario, o Concello vén engadir unha máis: o risco de sanción, en función da sensibilidade e da insistencia do veciño ou veciña, ás explotacións agropecuarias de réxime extensivo ou semiextensivo, engadiu.
Cronoloxía do procedemento do expediente á empresa das escolas infantís
Elvira Cienfuegos explicou que aínda que o BNG non puido acceder ao expediente completo da sanción incoada a Clece, a pesar de telo solicitado por escrito o 9 de outubro, cos datos dos que dispón e da documentación achegada á Xunta de Goberno pódese constatar que as deficiencias no cumprimento das condicións estabelecidas no contrato coa empresa xestora desde o momento en que se fixo cargo do servizo, en setembro de 2013, provocaron denuncias reiteradas de pais e nais, de sindicatos, mobilizacións, iniciativas no Pleno municipal, entre outros. Non foi até tres meses despois, finais de novembro, que o servizos técnicos do Concello emitiron un informe que recolle irregularidades na prestación, algunhas xa postas de manifesto pola inspección da Consellería de Traballo e Benestar que evidencia a insuficiencia de persoal para o cumprimento do mínimo legalmente esixíbel.
A raíz dun requirimento xudicial en maio, emítese un informe no que se pon de manifesto que a situación pode ser motivo de expediente sancionador. Pasaran 6 meses desde o primeiro informe e máis de 8 desde que se iniciaran as denuncias, advirte a concelleira do BNG. Así, inicíase o expediente e trasládaselle a Clece, que presenta alegacións a principios de agosto. Un mes despois recíbese no Concello outro requirimento xudicial e, no 24 de outubro, a Xunta de Goberno resolve o procedemento sancionador cun importe de 3005,06 euros. Dise que por falta grave, pero aplican o mínimo, é dicir, o mesmo que o máximo previsto nunha falta leve, indica Cienfuegos.
Foi unha sanción de 3.000 euros aplicada despois de máis de un ano a unha empresa que incumpriu o servizo que o Concello lle tiña contratado por máis de 400.000 euros anuais, máis de 30.000 euros ao mes. Os incumprimentos só no primeiro dos meses de servizo posibelmente representasen un aforro á empresa superior ao importe da sanción que agora se lle impón, explicou, e a situación veu prolongándose, aínda que se reducisen os incumprimentos, durante máis de 12 meses, sen que a data de hoxe se poida afirmar que haxa un estrito cumprimento das cláusulas do contrato.
Non é un servizo calquera, destacou Elvira Cienfuegos, é un servizo educativo e asistencial que se presta a nenos e nenas menores de tres anos, que gozaba de elevado prestixio e que a raíz dos incumprimentos chegou mesmo a devalar os mínimos requiridos pola normativa vixente. Hai que ter en conta que Clece resultou gañadora do concurso pola súa oferta superar as condicións en que se viña prestando até o momento e por ser a máis vantaxosa das participantes no concurso, indicou.
Procedemento no caso do gandeiro
Moita máis dilixencia e dedicación amosou o Concello no caso da gandeiro da Sionlla, cuxas vacas ensuciaban coas súas deposicións a vía pública ao seu paso por diante da casa dun veciño do lugar, explicou. As denuncias do veciño tiveron unha resposta tan inmediata que as reiteradas visitas da Policía local producíanse xusto despois do paso dos animais. Pola contra, hai que recordar que o Concello non cursou visita de inspección ás escolas infantís até que foi público o informe da Xunta de Galiza que poñía de manifesto a insuficiencia de persoal a respecto do mínimo esixíbel.
Elvira Cienfuegos esgrimiu, ademais, que non se efectuou, como se fixo para Clece, un informe para advertir o veciño de posíbeis incumprimentos; directamente se lle abriu un expediente sancionador cunha proposta non dos 0 euros posiíbeis para a falta leve que se lle imputaba senón dos 750 euros máximos contemplados na ordenanza que se lle aplica, cando a Clece se lle aplica a sanción mínima prevista na marxe dos 3.000 aos 9.000 euros.
Como consecuencia, o gandeiro presenta alegacións en que pon de manifesto que a situación se produce como consecuencia do seu traballo agrario, desenvolvido nunha área asignada para tal fin polas administracións competentes, que son apoiadas por numerosas sinaturas de veciños e veciñas. Pero o pasado 4 de novembro, o Concello resolve continuar adiante coa sanción, á que reduce en 250 euros, é dicir neste momento, menos de 3 meses despois, pesa sobre el unha sanción de 500 euros. Unha sanción que non é proporcionada nin aos danos nin aos riscos que a presenza transitoria de deposicións bovinas no medio rural poida causar, sinalou.