O BNG aposta por incluír a figura tradicional do Apalpador na programación de Nadal
Rafael Vilar cuestiona que se instalase o alumeado antes de ser contratado en Xunta de Goberno
Santiago de Compostela, 13 de novembro de 2014.- O concelleiro Rafael Vilar presentou en rolda de prensa unha iniciativa que o BNG trasladará ao vindeiro Pleno ordinario relativa á incorporación da figura do Apalpador nas actividades organizadas polo Concello de Santiago durante o Nadal.
Agardemos que traballen neste ciclo de actividades coa mesma dilixencia coa que colocaron a iluminación de Nadal, días antes de ser aprobado o contrato en Xunta de Goberno, ironizou o concelleiro, e esperemos que o Goberno municipal ofreza algunha explicación ao respecto.
Entendemos que nas actividades do Nadal ten cabida a figura do Apalpador, que forma parte do acervo cultural do noso país, un costume tradicional en Galiza para simbolizar os agasallos aos nenos e nenas, explicou. Fixo especial fincapé en que non é unha novidade, pois no mandato anterior, cando gobernaba o BNG, xa se incorporara esta figura do Apalpador na programación de Nadal de Santiago de Compostela. Ademais explicou que o BNG xa fixo este requirimento en diversas ocasións neste mandato aínda que atopou a típica contestación frontón que non permite o diálogo.
Dentro das accións destinadas a recuperar o patrimonio colectivo, tradicións galegas e valores de identidade, o BNG considera interesante recuperalo como un elemento máis, sen substituír outras figuras e iconas que veñen de tradicións de moito máis lonxe e, neste caso, a figura do Apalpador vén dun contorno moito máis próximo que se debería promover neste período de Nadal.