O BNG advirte que coa futura Lei de Enxuizamento 7 edís do PP de Santiago non podería ser candidatos
Reitera que hai outro xeito de gobernar, con responsabilidade e con rigor, e aposta pola tolerancia cero coa corrupción
Santiago de Compostela, 10 de abril de 2014.- O grupo municipal do BNG advírtelle ao alcalde de Santiago que no contido da futura Lei de Enxuizamento Criminal impulsada por Gallardón prohíbese que as persoas que teñan aberto un xuízo oral por delitos de suposta corrupción poidan ser candidatas nunha lista electoral. Esta medida vén reafirmar o que defende o BNG, que os sete edís pendentes de xuízo deben abandonar o cargo porque perderon a lexitimidade para continuaren no Goberno local de Santiago de Compostela, afirmou Rubén Cela.
O BNG refírese tamén a que Gallardón lle trasladou á dirección do PP esta medida, co fin de que o seu partido non inclúa persoas imputadas pendentes de xuízo nas vindeiras citas electorais. Se iso se vai facer na dirección do PP en Madrid, Feijóo debería facer dimitir os concelleiros e concelleiras imputados en Santiago ipso facto e deixarse de anunciar códigos éticos con aspectos xa contemplados na Lei de Transparencia e Boas Prácticas na Administración Pública vixente dende 2006 que é obvio que non debeu cumprir até agora, indicou.
Santiago de Compostela non pode manter por máis tempo un goberno fracturado, que abandonou a vocación de servizo á cidadanía, que ten seis causas xudiciais abertas e está á deriva, máis pendente dos xulgados que de resolver problemas da cidade.
O BNG reitera que hai outro xeito de xestionar, con responsabilidade e con rigor, como demostrou durante os 12 anos de cogoberno en Raxoi, e aposta pola tolerancia cero coa corrupción.