O BNG buscará no Pleno o apoio á ILP para garantir o dereito fundamental a unha vivenda digna
En Santiago de Compostela prodúcense arredor de 300 execucións hipotecarias anuais, explicou o concelleiro Rafael Vilar
Santiago de Compostela, 9 de abril de 2014.- O concelleiro do BNG Rafael Vilar presentou unha moción para recadar o apoio da Corporación á Iniciativa Lexislativa Popular a prol de garantir en Galiza o dereito fundamental a unha vivenda digna. En concreto, demanda a paralización dos desafiuzamentos, así como favorecer o alugueiro social, a creación dun parque galego para a xestión de vivendas baleiras e a posta en marcha dunha axencia pública de alugueiro, entre outras medidas.
Os últimos datos coñecidos avalan que a lexislación non avanzou en frear os desafiuzamentos, indicou Rafael Vilar, o Consello Xeral do Poder Xudicial sinala que mesmo hai unha suba superior en 2013 en Galiza, se se compara con outros territorios do Estado, con cifras de 2.500 execucións hipotecarias en 2013. En concreto, en Santiago de Compostela houbo arredor de 300 execucións hipotecarias en 2012. A perda da vivenda é un problema que está aí latente e sobre o que non se dá solución dende as diferentes administracións, afirmou o concelleiro nacionalista.
A crise económica persiste aínda que a nivel gobernamental se fala de reactivación económica e de brotes verdes, que non sei se na macroeconomía se producen, mais na vida real das persoas non se dan na taxas de paro nin de xente desafiuzada, indicou. O BNG considera que hai que facer algo para deter as execucións hipotecarias e por iso queremos unir a nosa voz a esta iniciativa social dos colectivos que loitan polo dereito a unha vivenda digna, engadiu.
Así, o BNG reclamará un pronunciamento para que a Corporación de Santiago apoie esta iniciativa, xa que a lei de protección dos debedores hipotecarios non conseguiu que pararan as execucións hipotecarias e os códigos de boas prácticas que ían pór en práctica os bancos acabaron en papel mollado.
Na moción do BNG lémbrase que o sector financeiro recibiu miles de millóns de euros de diñeiro público para sanear a súa nefasta xestión que contribuíu a crear a denominada burbulla inmobiliaria, un dos factores da crise, e que na actualidade segue a gozar de total permisividade pola ausencia de leis que impidan as execucións hipotecarias que deixan na rúa persoas e familias enteiras.