O BNG insta ao Goberno local a facer cumprir o contrato da recollida de lixo

O BNG insta ao Goberno local a facer cumprir o contrato da recollida de lixo

“A falta de limpeza na cidade é un tema reiterado nas queixas recibidas polo BNG, tanto na zona rural como na urbana”, indicou Elvira Cienfuegos

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2014.- O concelleira do BNG Elvira Cienfuegos insta ao Goberno local de Santiago a facerlle cumprir o prego de condicións á empresa concesionaria do servizo de recollida de lixo no relativo á limpeza dos contedores de residuos de acordo co contrato asinado. En concreto, os datos recadados polo BNG indican que os receptores da bolsa negra límpanse unha media de 4,74 veces por ano, cando lle correspondería unha vez ao mes; e os contedores monomateriais de carga lateral lávanse 0,65 veces de media, por debaixo das 4 veces por ano previstas no contrato.

Elvira Cienfuegos destacou, en rolda de prensa, que a limpeza dos contedores de residuos, a pesar de ser un tema menor, ten unha “incidencia notábel” na imaxe da cidade e na vida cotiá da súa veciñanza, como reflicte a intensificación das queixas recibidas no grupo municipal do BNG, tanto pola falta da recollida habitual, como polo mal estado, pola necesidade de limpeza do propio contedor ou do seu contorno. “O tema da falta de limpeza na cidade é un dos máis reiterados das queixas recibidas polo BNG, tanto na zona rural como na urbana”, engadiu.

Coa intención de que servise para que o Goberno municipal tomase iniciativas resolutivas, o BNG presentou o 20 de marzo unha pregunta para a súa resposta por escrito co fin de coñecer a frecuencia estabelecida para a limpeza externa e interna dos contedores de lixo e de obter a copia do rexistro da periodicidade destes traballos.

Incumprimento

Ademais dos datos facilitados, a resposta do concelleiro responsábel da área fai mención a que a limpeza dos contedores é “a que a empresa concesionaria do servizo estima pertinente para que estes estean en bo estado”, leu a concelleira. “A consideración do bo estado dos contedores por parte da empresa é obvio que non coincide coa das persoas usuarias, que son as que se queixan, pero o máis grave é que o contrato de xestión, na súa páxina 21 sinala a frecuencia mínima de limpeza dos contedores, que estabelece nunha vez ao mes para os contedores normalizados ou de bolsa negra e nunha vez cada 3 meses para os contedores monomateriais”, explicou.

Polo tanto, se a limpeza se fai por termo medio 4,74 veces/ano en lugar das 12 veces previstas, incumpre claramente as obrigas previstas no contrato. Do mesmo xeito, a media de 0,65 veces de limpeza dos contedores monomateriais de carga lateral está significativamente por debaixo das 4 veces por ano previstas e o mesmo se pode dicir dos datos para outro tipo de contedores como os de vidro, que se limpan 0,93 veces/ano, en lugar das 4 previstas.

Neste sentido, Elvira Cienfuegos indicou que se entende “a preocupación e as queixas da veciñanza e ponse de manifesto, unha vez máis, a falta de rigor e de respecto ás normas con que traballa este Goberno, que en lugar de ocuparse de coñecer para facer cumprir os termos do contrato ás concesionarias, déixaos a criterio destas e á vista está o grao negativo de cumprimento”.

Así, avanzou que o BNG se dirixirá de novo ao Goberno municipal para darlle traslado das diferenzas entre os datos reais e os mínimos contemplados na normativa e “recordarlle a súa obriga de facela cumprir, non só porque responde a necesidades reais senón porque así consta no contrato asinado”.

O mal estado dos contedores e a súa deficiente limpeza, ademais da conseguinte falta de hixiene e de salubridade para a veciñanza afea a imaxe da cidade e o decoro urbano que debera caracterizar Santiago de Compostela como cidade turística e Patrimonio da Humanidade, concluíu.

Galería de imaxes

O BNG insta ao Goberno local a facer cumprir o contrato da recollida de lixo