O BNG require unha reunión da xunta de portavoces para reclamar a permanencia do partido xudicial
A decisión do traslado provoca un afastamento e maiores dificultades de acceso á Xustiza para a cidadanía, explicou Elvira Cienfuegos
Santiago de Compostela, 8 de abril de 2014.- O concelleira nacionalista Elvira Cienfuegos, perante preguntas de xornalistas sobre o traslado do partido xudicial de Santiago de Compostela á Coruña, indicou que o grupo municipal do BNG rexistrou unha petición para convocar a xunta de portavoces de cara a facer presión e de que sexa unánime esa demanda compartida pola cidadanía, co fin de para garantir o seu mantemento na nosa cidade.
En maio de 2013 aprobouse en Pleno por unanimidade unha proposición para instar á Xunta de Galiza para que reclamase do Ministerio de Xustiza o mantemento do partido xudicial de Santiago de Compostela, segundo lembrou a concelleira. Esta decisión do Ministerio de Xustiza, segundo explicou Elvira Cienfuegos, leva consigo un afastamento e maiores dificultades de acceso á Xustiza para a cidadanía. Neste momento, a intención do BNG é de buscar os medios necesarios para non se produza ese traslado do partido xudicial.
O BNG criticou que o obxectivo deste anteproxecto do ministro Gallardón é que haxa un só partido xudicial por provincia, co que en Galiza se pasaría dos 45 organismos actuais a catro, en contra dos intereses sociais.