O BNG propón medidas para manter a actividade do pequeno comercio co remate das rendas antigas
O 65% dos locais comerciais en alugueiro da cidade histórica están afectados por este cambio normativo a partir do 1 de xaneiro de 2015
Santiago de Compostela, 7 de abril de 2014.- O portavoz do grupo municipal nacionalista, Rubén Cela, presentou en rolda de prensa unha iniciativa que o BNG defenderá no vindeiro Pleno destinada a adoptar medidas para manter a actividade do pequeno comercio co remate das rendas antigas. En concreto, propón ofrecer asesoramento a persoas comerciantes e propietarias de locais comerciais con renda antiga, concertar medidas de acompañamento a través do IGAPE e protexer estabelecementos emblemáticos cun marcado carácter histórico, patrimonial e artesanal co fin de brindarlles axuda para a súa continuidade, como acontece noutras cidades europeas.
O actual contexto de recesión económica actuou sobre todos os sectores de actividade e con grande incidencia no pequeno comercio, que se ve agravado por medidas impulsadas polo PP especialmente lesivas como a suba do IVE, da tarifa eléctrica, das cotizacións de autónomos ou mesmo coa supresión da paga extra de Nadal a persoal funcionario que tivo unha repercusión directa en Santiago de Compostela, segundo explicou Rubén Cela.
A partir do 1 de xaneiro de 2015 todas as persoas que asinaron un contrato de arrendamento dun local antes do 5 de maio de 1985 e seguen, na actualidade, acollidas á denominada renda antiga deben actualizar os seus acordos de aluguer coas persoas propietarias. Será entón cando conclúa a aplicación da Lei de Arrendamento Urbano, modificada en 1985 co denominado Decreto Boyer.
Rubén Cela referiuse ás consecuencias deste cambio de normativa no pequeno comercio compostelán. Se no conxunto do Estado español a media de locais comerciais suxeitos ao réxime de renda antiga está no 12%, as estimacións dos propios comerciantes de Santiago apuntan a que na cidade histórica lle afecta ao 65% dos negocios de alugueiro.
Esta revisión vai implicar a negociación á alza destes contratos de arrendamento co que vai repercutir en comercios que atravesan dificultades económicas que pode abocar ao seu peche. Rubén Cela advertiu tamén que, de producirse un cambio no negocio, na maioría dos casos requirirase un acondicionamento para a súa adaptación á normativa vixente en materia urbanística para obter a pertinente licenza de actividade.
Neste sentido, o BNG require medidas de asesoramento por parte do Goberno local pois até este momento foi o propio sector quen de xeito autoorganizado convocou charlas informativas e o Concello debe xogar un papel proactivo para manter a actividade comercial na cidade histórica.