Rubén Cela, sobre o caso Carril: "Santiago de Compostela non merece un alcalde sen credibilidade"
En Ourense o PP di que un alcalde reprobado, recusado e imputado non pode seguir á fronte dun Goberno municipal, mais o de Santiago non dimite
O BNG esixe o mesmo para todos os partidos políticos: tolerancia cero coa corrupción e a dimisión inmediata de todos os cargos públicos imputados
Santiago de Compostela, 4 de abril de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, afirmou que a cidade de Santiago padeceu hoxe de novo o bochorno de ver o alcalde no desfile polo Xulgado, nesta ocasión imputado por acoso e por prevaricación, acompañado de persoas que tiveron que dimitir previamente como Conde Roa, Albino Vázquez e Ángel Espadas. Esixiu, unha vez máis, a dimisión do alcalde porque está desprestixiado, deslexitimado e sen credibilidade e, na súa deriva, leva a cidade por diante, afirmou.
Lembrou Rubén Cela que o caso Carril se trata dun novo episodio xudicial en que están implicado o Goberno municipal, hoxe temos que falar do caso Carril, en breve do caso da defensa de Adrián Varela, da resolución do caso das facturas falsas e da operación Pokemon e da operación Patos.
Máis alá do percorrido xudicial desta causa, dixo, ponse de manifesto como actúa o PP nesta institución porque hai que lembrar que se investigan as presuntas presións a un policía local para facer desaparecer un atestado policial cando se detecta a Ángel Espadas durmido bébedo nun semáforo. Investígase entón a estratexia supostamente urdida polo Goberno municipal contra ese policía que resulta máis propia dunha novela policíaca que dun Concello democrático.
Este proceso provoca tamén que a credibilidade de Ángel Currás, se lle queda algunha, se fixera anacos porque foi a aparición de novas probas inicialmente negadas ante a Xustiza e a cidadanía as que motivaron esta nova imputación do alcalde e que non se tivese en conta o seu recurso. Ou faltou a verdade ou mentiu e esa non é unha actitude que o honre, senón que xera máis desconfianza e resta credibilidade a calquera acción posterior, explicou. Por ese motivo, Santiago non merece un alcalde sen credibilidade, consciente do que acontecía e que non actuou para impedilo.
O paripé dos códigos éticos do PP
Unha vez mais, o Bloque Nacionalista Galego, esixiulle a Currás a súa inmediata dimisión, que marche da Alcaldía porque non é admisíbel aturar durante 15 meses un alcalde dobremente imputado, á cabeza dun Goberno con 10 dos seus 13 membros imputados.
Para Rubén Cela, é curioso que o PP mire para outro lado e manteña a Ángel Currás de alcalde ao tempo que fai o paripé dos códigos éticos ou que noutras cidades como en Ourense o PP diga que un alcalde reprobado, recusado e imputado non pode seguir á fronte dun Goberno municipal
O BNG, como organización política, pide o mesmo en Santiago, en Ourense, en Lugo e na Coruña; o mesmo para todos os partidos políticos: tolerancia cero coa corrupción e coas malas prácticas que xeran tanta alarma social e a dimisión inmediata de todos os cargos públicos imputados por temas de corrupción ou por malas prácticas investigadas no marco destas operacións xudiciais.