O BNG aposta por buscar un punto de equilibrio e asinar o convenio cos locais da cidade histórica
Santiago era unha cidade da cultura moito antes de que no Gaiás se puxese un ladrillo, afirmou Rubén Cela
Santiago de Compostela, 5 de abril de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, sinalou que o convenio entre o Concello de Santiago e a Asociación Cultural Cidade Vella constitúe unha mostra máis do superado que está o actual Goberno e da propia incapacidade de Ángel Currás de xestionar a área de Cultura desta cidade que, ademais, é capital de Galiza. O BNG aposta por un punto de equilibrio para restabelecer o convenio de actuacións culturais na cidade histórica.
Un alcalde ten que estar para solucionar problemas, non para crealos, indicou. Así, aludiu a que a renovación deste convenio expón a típica reacción de Currás ante calquera problema: primeiro négao e aduce cuestións administrativas, logo bota balóns fóra neste caso coa Xunta de Galiza e, por último, elude as súas responsabilidades e agóchase.
En vez diso, segundo expuxo Rubén Cela, un bo alcalde debe esforzarse en atopar a mellor solución para a cidade que, neste caso, para o BNG pasa por facilitar e promover un punto de equilibrio entre os lexítimos intereses dos estabelecementos, dos artistas, da veciñanza, do conxunto da cidade que reclama unha política cultural á altura que merece Santiago e mesmo das persoas que nos visitan, pois tamén se valora a música de rúa e a actividade nos locais cando se viaxa.
Dende o BNG desexamos que se asine ese convenio canto antes para que volva haber programación cultural nos locais de Santiago e que sexa compatíbel co descanso dos veciños e das veciñas, explicou.
Referiuse tamén a que este convenio non atinxe só aos locais, senón ao modelo de cidade e do programa cultural que queremos para Santiago. Resulta evidente que o cadro que nos pinta cada día o PP é o dunha cidade absolutamente gris, indicou, Santiago era unha cidade da cultura moito antes de que no Gaiás se puxese un ladrillo, mais a inacción do Goberno local do PP leva a desandar os avances conseguidos no ámbito cultural.
Ademais, recoñeceu que a iniciativa social dos propios locais é quen programa, executa e fai viábel estas actuacións que dotan a cidade de actividade e de actuacións deste formato que, doutro xeito, non habería en Santiago de Compostela.