O BNG aposta polo mantemento do servizo público de transporte adaptado que a Xunta quere suprimir
Nunha moción defenderá que se garanta este transporte para as persoas dependentes e con dificultades de mobilidade
Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2014.- O grupo municipal do BNG de Santiago defenderá no vindeiro Pleno unha moción para instar á Xunta a paralizar o proceso de desmantelamento do Servizo Galego de Transporte Adaptado do 065 co fin de garantir o desprazamento regular das persoas dependentes e a mobilidade das persoas con dificultades.
O Servizo Galego de Transporte Adaptado do 065, que atende as persoas con discapacidade e dependentes, foi instaurado por iniciativa do BNG durante o seu Goberno na Xunta de Galiza e constituíu o primeiro transporte adaptado público de todo o Estado español, segundo explicou Rubén Cela en rolda de prensa. Foi un avance importante no recoñecemento dun dereito fundamental como o de desprazarse para realizar actividades cotiás como ir ao médico, ao centro de día ou á asociación de referencia desa persoa, explicou, e ademais tratouse dunha actuación pioneira, posto que foi o primeiro servizo de transporte adaptado público do Estado español.
A nivel galego contou cunha flota de máis de 100 vehículos e prestaba arredor de medio millón de servizos anuais e, polo tanto, é un servizo tanto en termos cuantitativos como cualitativos moi importante para estes colectivos e as súas familias. No caso da comarca de Santiago existían 6 vehículos que prestaban ese servizo e, polo tanto, vanse perder eses postos de traballo necesarios para o seu funcionamento.
A partir da entrada do PP ao Goberno da Xunta de Galiza, este servizo básico comezou a sufrir un deterioro paulatino que ten a súa culminación na decisión de deixar de prestar o servizo para o traslado diario ou semanal das persoas dependentes aos centros onde van ser atendidas nas súas terapias.
A Xunta de Galiza pretende que o Consorcio de Igualdade e Servizos Sociais preste ese servizo exclusivamente para os seus propios centros e o resto sería a través de prazas concertadas do ámbito social, a razón de 9 euros por persoa e día. A pesar de que este servizo precisara de axustes para a súa xestión, o que vai aplicar o PP pode ser un perigo para o alcance universal que vai deixar nunha situación complexa, sobre todo, as entidades cativas e as persoas usuarias do ámbito rural, indicou o portavoz municipal nacionalista.