O BNG chama ao Goberno local a facer cumprir os prazos das obras de San Pedro
A praza de Galiza non é o sitio para facer un parque infantil porque é unha rotonda con altos índices de polución e de ruído, insistiu Rubén Cela.
Santiago de Compostela, 20 de xaneiro de 2014.- Rubén Cela referiuse en rolda de prensa á execución de diversas obras en Santiago de Compostela, ás da rúa de San Pedro e ás da praza de Galiza.
Sinalou que as obras da rúa de San Pedro van demasiado lentas, porque comezaron con multitude de atrasos e, unha vez iniciadas, volven acumular máis atrasos. Era unha actuación que tiña un prazo de execución de 137 días naturais dende a súa sinatura o 5 de xullo, un prazo que xa estaría máis que esgotado. O 28 de novembro, nunha xunta de goberno aprobouse unha prórroga desas obras e resulta evidente que tampouco se vai cumprir con ese novo prazo que expira o 5 de febreiro.
Así, realizou un chamamento ao Goberno municipal para que vele polo cumprimento dos prazos estipulados nas obras de San Pedro e para que esa obra se poida executar coa maior celeridade posíbel porque eses atrasos son acumulativos e a quen máis prexudican son aos veciños e ás veciñas, aos comerciantes e hostaleiros e tamén aos visitantes, ao ser unha das principais portas de entrada á cidade.
O portavoz municipal nacionalista referiuse, ademais, ás obras do parque infantil da praza de Galiza unhas obras que non terían que comezar. Volveu facer un chamamento ao Goberno municipal para que recapacite antes de facer actuacións que a todas luces son descabelladas e citou que até o propio Colexio Oficial de Arquitectos e as asociacións veciñais cuestionan esa actuación.
A praza de Galiza non é o sitio para facer un parque infantil, subliñou Rubén Cela, porque é unha rotonda con altos índices de polución e de ruído que non é acaída para facer un espazo de lecer.