A reordenación das áreas sanitarias sumará 300.000 doentes potenciais máis na zona de Compostela
O BNG esixe a retirada da reordenación das áreas sanitarias e advirte de que esta medida da Xunta responde a unha desvalorización da sanidade pública para garantir as ampliación de cotas de mercado da privada
Santiago de Compostela, 17 de xaneiro de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG de Santiago, Rubén Cela, sinalou en rolda de prensa que a reordenación das áreas sanitarias impulsada pola Xunta provocará que Santiago teña que acoller 300.000 potenciais doentes máis sen que se amplíen os recursos técnicos, humanos nin económicos.
Así, amosou a preocupación do BNG sobre o anuncio da Consellaría de Sanidade de modificar a área de referencia sanitaria de Santiago a partir do vindeiro 1 de febreiro, onde nos ámbitos de hemodinámica e cardioloxía intervencionista os pacientes das áreas de Pontevedra e do Salnés comezarán a depender do hospital de Santiago.
Detrás disto existen motivacións non estritamente técnicas, dixo, hai un intento claro de maquillaxe das listas de espera, da pésima xestión do PP na área sanitaria de Vigo e trátase dunha medida máis inserida nun proceso de paulatina privatización da sanidade pública, que comezou coa entrega de infraestruturas a empresas privadas, continúa con re-pagos de medicamentos e prosegue coas unidades de xestión clínica ou con esa lei de garantías que beneficia a industria privada da sanidade.
A xuízo do BNG, esta medida responde a unha lóxica de desvalorizar a sanidade pública para garantir a ampliación das cotas de mercado da sanidade privada e, por ese motivo, anunciou que a formación nacionalista formulará estas preguntas no Parlamento galego e esixirá a retirada desta reordenación das áreas sanitarias e a apertura dun proceso de diálogo cos axentes implicados en aras de introducir criterios transparentes e obxectivos no mapa sanitario galego.
Falta de dotación de recursos técnicos, humanos e económicos na sanidade
Neste sentido, referiuse á falta de dotación de recursos técnicos, humanos e económicos que se derivan desta decisión, dos prazos para a súa entrada en vigor, do cumprimento da lei de garantías que contempla que a partir de 60 días de espera a libre elección de centro por parte dos pacientes, se houbo avaliación das consecuencias prácticas para o conxunto da poboación ou como se van concretar as urxencias nestas especialidades.
Somos conscientes de que non todos os hospitais poden ser igualmente especializados, indicou, non se trata de que en todos os hospitais de Galiza se poida facer un transplante de corazón ou de medula, máxime nun país coa dispersión xeográfica que ten o noso. A organización das áreas sanitarias ten que responder a criterios de eficacia, de eficiencia pero tamén debe minimizar os prexuízos para os pacientes e para as súas familias e amizades, pois é evidente que para un veciño de Pontevedra non é indiferente desprazarse 20 quilómetros a Vigo ou 65 a Santiago de Compostela, explicou.
300.000 pacientes potenciais máis adscritos á área de Compostela
O que máis lle preocupa ao BNG é a dotación de medios dunha área potencial de 455.000 doentes potenciais a sumarlle outros 300.000 máis. Se este cambio se fai cos mesmos medios e co mesmo persoal, implicaría un incremento das listas de espera porque serían máis casos a sumar aos que xa existen e, ademais, vai implicar o desprazamento de persoal sanitario de Santiago a Pontevedra para atenderen os casos máis leves.
Dende que en 2010 entrou en vigor a taxa de reposición de efectivos dun 10% no ámbito sanitario, no conxunto do país perdemos 3.000 profesionais e, no caso de Compostela que tiña un compoñente de envellecemento superior ao doutras áreas, foi especialmente notábel.