O BNG cualifica de desafortunada a instalación do parque infantil da praza de Galiza
Considera que existen equipamentos próximos para o lecer de nenos e nenas en emprazamentos máis adecuados
Instou ao Goberno local en reiteradas ocasións a reconsiderar este proxecto ante a oposición cidadá e de colectivos profesionais que suscita
Santiago de Compostela, 27 de marzo de 2013.- O grupo municipal do BNG de Santiago considera desafortunada a instalación dun parque infantil na praza de Galiza, como xa expresou en reiteradas ocasións, polo perigo que pode entrañar para os nenos e nenas, xa que é un dos lugares con máis tráfico da cidade.
O BNG estima que existen outros equipamentos próximos para o lecer de nenos e nenas en emprazamentos máis adecuados afastados da contaminación, do ruído e dos gases que saen tanto do aparcadoiro soterrado como os que emiten os numerosos coches que transitan por esta zona.
Deste xeito, o BNG lembra que instou ao Goberno local a reconsiderar este proxecto de parque infantil ante a oposición cidadá e de colectivos profesionais que suscitou esta proposta do PP, posto que a praza de Galiza non é o lugar máis acaído para crear unha zona de lecer rodeada de vehículos cando hai demandas prioritarias para mellorar a seguridade viaria na zona aínda pendentes de realizar.
Así, formación nacionalista aposta por desenvolver un plan de remodelación estrutural da praza de Galiza, no que se inclúa unha reordenación do tráfico, das paradas de autobús e das beirarrúas, que han de ser máis anchas para garantir o espazo suficiente para o paso de peóns. Na actualidade, existen dificultades ao transitar tanto para vehículos como para persoas a pé debido á falta de visibilidade e ao estabelecemento de diversas liñas e paradas de bus que colapsan a calzada e as beirarrúas e, sobre todo, isto acentúase cando hai grupos de turistas que agardan con maletas pola liña que vai até o aeroporto.
Tamén existen dificultades para camiñar polas beirarrúas da illa central, que se ven interrompidas de xeito abrupto polas bocas de entrada e de saída de vehículos do aparcadoiro. Entre outros aspectos, é necesaria ademais unha adecuación e sincronización dos tempos dos semáforos para gañar seguridade e fluidez.
Para o BNG hai prioridades básicas dirixidas á poboación infantil, como o arranxo de centros escolares, que non están cubertas por parte do Goberno local a nivel orzamentario, mentres destina importantes recursos económicos en multiplicar estas áreas de xogo en lugares pouco apropiados da cidade.