Rubén Cela afirma que o Goberno local do PP está "desprestixiado e deslexitimado" para seguir

Rubén Cela afirma que o Goberno local do PP está "desprestixiado e deslexitimado" para seguir

“A mostra de que hai oposición política e social é que conseguimos paralizar os principais pelotazos dos que falaba Paula Prado como a Finca do Espiño”

Santiago de Compostela, 26 de marzo de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, afirmou en rolda de prensa que o presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, “non pode seguir mirando para outro lado porque seguirá sendo cómplice co que pasou e co que segue a pasar no Concello de Santiago”. O BNG insiste en que deben dimitir os cargos imputados por presunta corrupción e por malas prácticas especialmente graves.

A medida que se coñecen novos datos da investigación da operación Pokemon, o BNG reafírmase no que advirte dende hai máis dun ano: “que o PP actuaba e actúa como se este Concello fose a súa leira particular presuntamente infrinxindo as leis e abusando da súa composición e cun comportamento ético e político absolutamente reprobábel”. Isto fai que o BNG teña que falar a diario de suposta “prevaricación, tráfico de influencias, falsidade documental e de suborno” no seo do Goberno local do PP, engadiu.

As novas transcricións reafirman que este Goberno local do PP está “roto, en descomposición e á deriva, que ao único que aspiran os seus membros é a manterse nos seus postos 15 meses máis”. Santiago de Compostela non merece manter durante un ano máis o peor Goberno da historia democrática, porque está “absolutamente desprestixiado e deslexitimado”.

Un alcalde que é “incapaz” de manter a coordinación e bo facer do seu grupo de goberno é incapaz de estar á altura do que precisa unha cidade como Santiago de Compostela, que é a capital de Galiza, expresou Rubén Cela. Referiuse así aos últimos datos “que deixan entrever tráfico de influencias, enchufes sistemáticos de amigos, militantes e simpatizantes do PP, ademais do tipo de relacións que existen entre o PP e algunhas empresas”, que acrecentan e reafirman o que cuestionou o BNG e polo que esixiu a “depuración inmediata” das responsabilidades políticas de todos os cargos imputados por corrupción ou de malas prácticas especialmente graves que crean tanto escándalo e tanta alarma social.

Paralización do pelotazo urbanístico da Finca do Espiño

Preguntado polas conversas de Paula Prado, Rubén Cela afirmou amosarse “sorprendido” polas súas declaracións e asegurou que “por unha vez” coincide con ela “sobre que o pouco que facía Conde Roa cheiraba a pelotazo urbanístico”. A diferenza “substancial” é que cando “cheiraba a pelotazo urbanístico así o denunciou o BNG, pública e politicamente en reiteradas ocasións, mais ela non o denunciou e foi cómplice e copartícipe das actuacións cando era portavoz dun Goberno local que facía esas supostas chanchulladas”.

Afirmou tamén que este sumario xudicial esclarece “o funcionamento do Goberno local do PP de Compostela, as súas prácticas, as súas prioridades e as súas formas de entender a política e iso debe servir para que a veciñanza teña claro en mans de quen estiveron estes últimos anos”.

“A mellor mostra de que hai oposición política e social na rúa de veciños e veciñas que non están dispostas a tragar con isto é que conseguimos paralizar os principais pelotazos dos que falaba Paula Prado”, indicou a preguntas de xornalistas, “hoxe non hai vivenda libre diseminada pola Finca do Espiño grazas a que había oposición, hoxe en Amio segue habendo feira de gando grazas a que había oposición e, de momento, non están as piquetas en Galeras porque hai oposición”.

Rubén Cela afirma que o Goberno local do PP está "desprestixiado e deslexitimado" para seguir