O BNG quere coñecer o proceso de selección do persoal para a Oficina de Atención ao Contribuínte
Pregunta pola formación requirida e advírtelle ao Goberno local de que ten que garantir que a atención telefónica sexa en lingua galega
Santiago de Compostela, 25 de marzo de 2014.- O grupo municipal do BNG rexistrou unha pregunta dirixida ao Goberno local para saber o proceso de selección do persoal que atenderá o call center que reforzará o traballo da Oficina de Atención ao Contribuínte.
A concelleira de Facenda e Orzamentos, Cecilia Sierra, anunciou a posta en marcha dun servizo de atención telefónica con base nun call center para apoiar o traballo da Oficina de Atención ao Contribuínte.
Neste sentido, o BNG quere coñecer cal é o proceso de selección e a formación requirida para o persoal que ofrecerá este servizo e, ademais, se esta contratación vai garantir que a atención telefónica sexa en lingua galega, de acordo co que estabelece o regulamento do uso do galego (pdf, 326 kb) na Administración municipal para a información que emane do Concello de Santiago e para as empresas contratadas que presten este tipo de servizos.