O BNG require información sobre a frecuencia de limpeza dos contedores de lixo
Co fin de comprobar se o prego da contratación deste servizo se cumpre e de corrixir a imaxe sucia e descoidada que presenta a cidade
Santiago de Compostela, 24 de marzo de 2014.- O grupo municipal do BNG requírelle ao grupo de Goberno local de Santiago información sobre a frecuencia de limpeza dos contedores de lixo, logo de recibir numerosas queixas da veciñanza, para comprobar se o prego da contratación deste servizo se cumpre.
Deste xeito, o BNG quere coñecer se o Goberno local vela pola frecuencia estabelecida para a limpeza externa e interna dos contedores de lixo e os datos do rexistro destes traballos de destinados a garantir a hixiene.
O grupo municipal nacionalista recadou múltiples queixas sobre a imaxe sucia e descoidada, tanto no rural coma na zona urbana, que se deben nuns casos por falta de contedores, noutros por mal funcionamento ou estar fóra de servizo e, a maioría das veces, por atoparse en mal estado e faltos de limpeza ao igual ca o seu contorno.
A cidade de Santiago de Compostela caracterizouse até hai dous anos por desempeñar boas prácticas para mellorar as condicións de vida e por ofrecerlles á veciñanza e visitantes unha cidade limpa. Isto reflíctese nos numerosos premios recollidos por estes motivos, mais dende hai uns meses a cidadanía quéixase da imaxe sucia e descoidada de diferentes zonas.