Rafael Vilar atribúe ao desleixo do PP a suspensión da programación nos locais da Cidade Histórica
O BNG rexistrou unha pregunta para coñecer as previsións do alcalde para resolver este novo conflito
Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2014.- O concelleiro Rafael Vilar anunciou que o BNG rexistrou unha pregunta dirixida ao alcalde Ángel Currás para coñecer os motivos da suspensión das actividades culturais en diversos locais da Cidade Histórica acollidos ao convenio co Concello de Santiago.
A Asociación Cultural Cidade Vella acordou a suspensión da programación de concertos, contacontos, monólogos, teatro e maxia, entre outras actividades de lecer, en locais da Cidade Histórica. Así, o concelleiro do BNG cuestionou que se tivesen que cancelar as actuacións de música ao vivo programadas nestes locais de ocio nocturno da zona vella. Para Rafael Vilar, dende o Goberno municipal deberían ter previsión de cando se debería asinar este convenio para que puidera estar en marcha xusto nestes meses que empeza a maior afluencia turística.
A responsabilidade destas cancelacións é imputábel ao desleixo do Goberno municipal e non imos permitir que se boten balóns fóra para culpar a Asociación Cultural Cidade Vella ou a un atraso nos orzamentos municipais, explicou.
Para Rafael Vilar, a consecuencia de ter que cancelar esta programación provoca un grave prexuízo, en primeiro lugar para os locais mais tamén para a dinamización cultural da cidade e para dar a coñecer grupos locais e de fóra, cunha función de difusión artística importante.
A capacidade deste Goberno municipal de meterse en camisas de once varas e de crear conflitos onde non os hai parece ilimitada, engadiu, porque esta é unha nova polémica que agardamos que se resolva o antes posíbel para que se poida seguir co programa de ocio nocturno na nosa cidade.