O BNG require un programa de visitas guiadas ao Castelo da Rocha
Rafael Vilar sinala que, logo da intervención arqueolóxica realizada, cómpre dar a coñecer esta xoia patrimonial da historia de Galiza
Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2014.- O concelleiro Rafael Vilar presentou unha iniciativa que o grupo municipal do BNG defenderá no vindeiro Pleno destinada a organizar visitas guiadas ao Castelo da Rocha para contribuír á difusión desta xoia patrimonial logo da intervención arqueolóxica realizada que contou con 1 millón de euros de orzamento e que sacou á luz unha importante fortaleza medieval.
Hai un gran descoñecemento sobre o castelo da Rocha, indicou Rafael Vilar, unha xoia patrimonial de alto valor histórico e cultural, tanto para os composteláns, para os visitantes e turistas como para o resto do país, sobre todo despois da última intervención arqueolóxica á que se destinaron preto dun millón de euros e que, na actualidade, está desaproveitada.
O BNG require deste xeito un programa de visitas guiadas para escolares e público en xeral, así como a edición de material divulgativo complementario á web e á publicación existentes, ademais da sinalización necesaria co fin de contribuír a dar a coñecer a Rocha Forte como espazo de identidade emblemático na historia de Galiza. Rafael Vilar referiuse tamén á necesidade de que o Goberno local comece a buscar recursos para unha nova intervención.
Segundo consta no rogo que o BNG trasladará ao Pleno, na Lei de Patrimonio Cultural de Galiza detállanse as necesidades de protección, conservación, acrecentamento, difusión e fomento do patrimonio cultural, así como a súa investigación e transmisión a xeracións futuras. Especifica tamén que os concellos teñen a obriga de protexeren, defenderen, realzaren e daren a coñecer o valor cultural dos bens integrantes do patrimonio cultural de Galiza que radiquen no seu territorio.
Neste sentido, ademais das prospeccións arqueolóxicas realizadas na Rocha Forte e para garantir a súa conservación mediante a creación de actitudes de aprecio e de custodia, faise precisa a organización dun servizo guiado para escolares e para público xeral que complemente a web e publicación realizadas, co dobre obxectivo de espallar o coñecemento histórico da nosa cidade e do noso país e de brindarlles a oportunidade de achegarse ás persoas interesadas na súa visita.