Elvira Cienfuegos insta ao Goberno local a abrir a cafetaría do parque Eugenio Granell
As obras foron recibidas en xaneiro e as instalacións seguen pechadas
Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2014.- A concelleira do BNG Elvira Cienfuegos instou ao Goberno de local de Santiago a pór en funcionamento a cafetaría do parque Eugenio Granell, xa que as obras foron recibidas no mes de xaneiro e aínda non abriu ao público.
Segundo explicou a edil nacionalista, en 2011 iniciáronse as obras para a dotación dos servizos de cafetaría e aseos no parque Eugenio Granell. A mediados de 2013 adxudicáronse as obras de reparación e mantemento do equipamento e en setembro dese mesmo ano aprobouse en Xunta de Goberno unha encomenda para que a empresa municipal Incolsa xestionase a explotación e a posta en marcha desas prestacións.
A mediados de xaneiro deste ano foron recibidas as obras na Xunta de Goberno Local, indicou a concelleira, e por iso o BNG dirixiu unha pregunta ao Goberno de Ángel Currás para coñecer a previsión para a entrada en funcionamento desta cafetaría.