O intercambio de competencias no Goberno é “a mellor mostra da improvisación coa que traballa o PP"

O intercambio de competencias no Goberno é “a mellor mostra da improvisación coa que traballa o PP"

Rubén Cela demándalle explicacións ao alcalde ben pola “perda de confianza” en María Pardo ou ben polas “actuacións meritorias” de Juan de la Fuente

Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2014.- O portavoz municipal do BNG, Rubén Cela, valorou os intercambios de competencias no seo do Goberno local do PP perante preguntas de xornalistas. Indicou que esta é a “enésima reformulación das competencias entre concelleiros e concelleiras do grupo de Goberno e a mellor mostra da total e absoluta improvisación coa que traballa o PP”, afirmou.

“Hai un ano quitáronlle as competencias a Juan de la Fuente para poñelo baixo a tutela de María Pardo e agora recupéraas, pola porta de atrás e sen explicacións”, sinalou. “O mínimo que ten que facer o alcalde é explicar por que se lle retiraron hai un ano esas competencias a Juan de la Fuente e por que agora as recupera; mais cando non se explican as cousas é porque hai algo que non se quere dicir”, engadiu.

Con retranca, explicou que ou ben o alcalde atopou “actuacións meritorias” como a realizada na Virxe Branca, no centro sociocultural de Brandía, coas facturas falsas ou coas contratacións que saíron á luz en Vías e Obras no sumario da Pokemon; ou ben o alcalde perdeu a confianza na portavoz do seu Goberno, María Pardo.

“Para o BNG, o problema fundamental non é o reparto de competencias do grupo de Goberno senón o propio grupo de Goberno”, subliñou, xa que o PP mantén 10 de 13 edís imputados en diversas causas xudiciais que danan profundamente a cidade.

O intercambio de competencias no Goberno é “a mellor mostra da improvisación coa que traballa o PP"