O BNG cuestiona o atraso en contratar a finais de agosto os labores de prevención de incendios
Foi o equipo de Goberno de Agustín Hernández quen dilatou no tempo a adxudicación destes traballos destinados a reducir o risco de lumes forestais
Santiago de Compostela, 23 de agosto de 2014.- O grupo municipal do BNG cuestiona o atraso no procedemento de contratación dos labores de prevención de incendios para este verán, posto que o convenio da Xunta foi asinado en xuño polo ex-alcalde Ángel Currás, e foi á última mesa de contratación o venres 22 de agosto.
A época decretada pola Xunta como de alto risco de incendio esténdese do 1 de xullo ao 30 de setembro, data límite para estes labores de prevención estaren concluídos, polo que a empresa adxudicataria só terá un terzo do tempo que marca o convenio para a realización dos traballos encomendados, ademais do perigo que entraña que a finais de agosto permanezan aínda sen rozar os terreos de titularidade municipal cubertos de maleza.
Para o BNG, este desleixo inclúese no premeditado desmantelamento, por parte da Xunta, das políticas de prevención na loita contra os lumes que mesmo roza a temeridade. Deixar de facer ese traballo de prevención, na época propicia para iso, entraña un grave risco, non só para o patrimonio natural e forestal senón tamén para os intereses económicos e mesmo pon en perigo a seguridade das persoas que viven no ámbito rural.
O BNG xa demandara no mes de abril que se axilizasen os procedementos para a realización destes traballos de prevención co fin de contribuír a reducir o risco de lume no verán e para darlle cumprimento á normativa vixente en materia de prevención e loita contra incendios forestais. Foi o novo equipo de Goberno encabezado por Agustín Hernández quen dilatou no tempo este procedemento ao deixar lista para aprobar a adxudicación os labores de prevención ao abeiro do convenio coa Xunta de Galiza na mesa de contratación do venres 22 de agosto.