O BNG defende no Pleno que se execute o proxecto de vivenda de protección pública en Xoán XXIII
Rubén Cela rexistrou esta moción para evitar a especulación neste emprazamento, logo de anunciar o alcalde unha permuta urbanística
Santiago de Compostela, 25 de decembro de 2014.- O BNG defenderá unha iniciativa no Pleno municipal convocado para mañá venres co obxectivo de retomar o proxecto inicial para construír vivenda pública protexida en Xoán XXIII, en réxime de alugueiro para menores de 35 anos, co fin de evitar a especulación urbanística neste emprazamento.
En Santiago de Compostela, no espazo onde conflúen a rúa Xoán XXIII e a Costa Nova de Arriba, a tan só 350 metros da praza do Obradoiro, o Instituto de Vivenda e Solo (IGVS) conta cunha parcela en propiedade de 1.603 metros cadrados valorada en 2,9 millóns de euros que ía ser destinada á construción de vivenda pública protexida en virtude dun acordo de 2003 entre a Xunta de Galiza e o Concello de Santiago.
O proxecto inicial pretendía construír 40 vivendas (31 estudos e nove apartamentos de dous cuartos) pensadas para mozos e mozas de menos de 35 anos e en réxime de alugueiro por un tempo máximo de dez anos e sen dereito a compra. Esta medida pretendía evitar a especulación e, sobre todo, introducir vivenda protexida na malla urbana como elemento de cohesión social e de valorización desta propia figura que, na maioría das ocasións, queda relegada á periferia das cidades.
Logo de que a Xunta paralizase este proxecto durante anos, o alcalde de Santiago vén de anunciar un cambio no mesmo, cunha permuta para construír en Lamas de Abade vivendas de promoción pública a cambio de edificar vivenda libre en Xoán XXIII.