O BNG traslada ao Pleno de Santiago a reivindicación das persoas emigrantes retornadas
Reclamou tamén medidas de seguridade viaria na Volta do Castro, a reposición dun coidador no CEIP Quiroga Palacios, a execución de vivenda pública protexida en Xoán XXIII e unha tarifa eléctrica galega
Santiago de Compostela, 26 de decembro de 2014.- O BNG defendeu no Pleno de decembro unha moción destinada a recadar o apoio do Concello de Santiago ás persoas que perciben pensións do estranxeiro afectadas pola reclamación da Axencia Estatal Tributaria, posto que os datos oficiais falan de máis de 3.000 persoas que emigraron e que actualmente residen na nosa cidade. Ao fío desta moción do BNG, que o PP rexeitou, a Plataforma de Emigrantes Retornados solicitou a intervención no Pleno e concentrouse ás portas do pazo de Raxoi.
Ademais desta iniciativa, o BNG rexistrou outras tres mocións, un rogo e seis preguntas de control do labor do Goberno local do PP. Así, o BNG reclamou mediante un rogo que se adopten medidas de seguridade viaria e de mellora da mobilidade na Volta do Castro. En concreto, propuxo dotar dun paso de peóns e beirarrúas esta vía para mellorar a seguridade do tránsito peonil, cuestións aceptadas polo Goberno local, que desbotou facer as modificación necesarias no transporte público para favorecer as comunicacións neste lugar.
Outra das mocións do grupo nacionalista foi destinada a que o Goberno municipal se preocupe pola igualdade de oportunidades na educación e a que inste á Consellaría de Educación a que incorpore unha persoa coidadora máis ao CEIP Quiroga Palacios coa maior brevidade posíbel, posto que dende outubro, por mor dos recortes, só unha persoa está ao coidado do alumnado de infantil e primaria con discapacidade motriz e sensorial neste centro.
Ademais, o BNG avogou por que o Concello de Santiago inste á Xunta de Galiza a destinar a parcela que posúe o Instituto Galego de Vivenda e Solo na avenida de Xoán XXIII a construír vivenda protexida de acordo co proxecto inicial e co fin de evitar a especulación urbanística neste emprazamento.
A creación da Tarifa Eléctrica Galega que atenda á condición de Galiza como excedentaria na produción de electricidade e contribúa a rebaixar as peaxes das tarifas nun 30%, tanto para o consumo doméstico como para as empresas emprazadas no noso país, tendo en conta que hai 455.000 persoas con dificultades para pagar os recibos de luz e gas, foi outra das reivindicacións que o BNG trasladou á sesión plenaria de decembro. Deste xeito, o BNG non renuncia a dar a batalla por un cambio no actual modelo enerxético ao ser Galiza un país excedentario que exporta o 40% da electricidade que produce sen reportar beneficio ningún.