O BNG defenderá no Pleno un bonobús para persoas desempregadas de longa duración
As persoas sen ningún ingreso económico non dispoñen de bonificación no autobús urbano, o que lles dificulta o acceso a este servizo básico, explica Elvira Cienfuegos
Santiago de Compostela, 23 de xaneiro de 2014.- O concelleira Elvira Cienfuegos defenderá no Pleno da vindeira semana unha iniciativa do BNG para a creación dun novo bono para o servizo de autobús urbano destinado ás persoas desempregadas de longa duración.
Segundo explicou Elvira Cienfuegos, as persoas que residen en Santiago de Compostela sen ningún ingreso económico non dispoñen de bonificación no autobús urbano, o que lles dificulta o acceso a un servizo básico municipal como é o transporte público colectivo.
Existe unha demanda crecente dun bono dirixido a persoas desempregadas de longa duración que lles permita utilizar este servizo de transporte público de xeito gratuíto, como unha medida que mesmo pode contribuír a estimular a busca activa dun posto de traballo e a desenvolver a súa vida persoal con maior facilidade, indicou a concelleira nacionalista.
Esta medida pode contribuír a favorecer o uso do transporte público como un medio que goza de vantaxes sociais, económicas e ambientais, ademais de ser un elemento vertebrador do territorio que mellora a mobilidade e a seguridade viaria da nosa cidade.