Rafael Vilar defenderá no Pleno que o fondo artístico das antigas caixas de aforro quede en Galiza
O BNG pretende evitar a venda e deslocalización da colección das caixas de aforro que forma parte da identidade colectiva de Galiza como país
Santiago de Compostela, 22 de xaneiro de 2014.- O concelleiro do BNG Rafael Vilar presentou en rolda de prensa unha iniciativa que defenderá no vindeiro Pleno para demandar que se preserve o fondo de patrimonio artístico e documental das antigas caixas de aforro para evitar a súa posíbel venda e deslocalización.
Para o BNG, hai un risco real de perda deste patrimonio artístico e documental na fase na que estamos, en que desapareceron as antigas caixas de aforro e o banco resultante que estaba en mans do FROB vén de ser vendido a unha entidade privada venezolana, Banesco, e hai un perigo de perdermos este patrimonio artístico e documental.
Son obras artísticas do século XIX e do XX, un importante legado da arte galega con pinturas de Castelao, Díaz Pardo, Granell, Mallo, Laxeiro, Quesada e Colmeiro, entre outros artistas, explicou. Son 7.000 obras artísticas e documentación histórica dun valor patrimonial importantísimo que foi posíbel xuntar grazas á acción de aforro de moitos galegos e galegas, inherente á función social e cultural das caixas, indicou.
Rafael Vilar lembrou que o único paso que se deu dende a Xunta de Galiza, a instancias do BNG, foi declarar este patrimonio como Ben de Interese Cultural mais iso non garante que estes fondos non acaben vendidos ou espoliados.
O BNG pretende, así, conseguir un acordo da Corporación municipal de Santiago para instar a Xunta a garantir que se preserven estes fondos documentais para que queden no noso país, baixo a tutela e titularidade públicas, e que sexan accesíbeis para o conxunto de galegos e galegas e para os visitantes.