O BNG defenderá no Pleno unha moción para demandar a rebaixa do IVE nos salóns de peiteado
Trasladará esta reivindicación do persoal afectado en Santiago porque a suba do IVE do 8% ao 21% provoca a destrución de numerosos postos de traballo
Santiago de Compostela, 16 de abril de 2014.- O grupo municipal do BNG defenderá no vindeiro Pleno unha moción para demandar a rebaixa do IVE que se aplica ao sector de salóns de peiteado que, co paso do 8% ao 21%, motiva o peche de numerosos estabelecementos e a destrución de postos de traballo, ademais de propiciar a economía somerxida.
Este sector, de importante actividade económica, encóntrase lastrado non só polas consecuencias da profunda crise senón pola decisión antisocial adoptada polo Goberno do PP de incrementar o IVE, unha medida que as persoas deste ámbito laboral padecen desde hai case dous anos.
O BNG xa presentara no Congreso dos Deputados unha iniciativa en 2012 para manifestar a súa oposición a aquel incremento brutal deste imposto, tamén no referido aos salóns de peiteado, e agora trasladará esta reivindicación dos traballadoras e das traballadores afectadas na cidade de Santiago de Compostela ao Pleno municipal.
A gravidade desta suba do imposto está a provocar o peche de moitos estabelecementos, a destrución de postos de traballo e a perda de clientes pola contención do consumo ante a forte suba final do prezo nas perruquerías. Este feito provocou un aumento da economía somerxida e coa aplicación do desmesurado IVE do 21% agrávanse os problemas económicos deste sector profesional, ao tempo que se propicia o crecemento de negocios ilegais de ámbito doméstico.
Segundo os datos do sector, en 2013 pecharon 8.000 salóns de perruquería e estética no conxunto do Estado español.