O BNG reclamará no Pleno a recuperación do espazo onde se celebrou o Banquete de Conxo
Rafael Vilar sinala a necesidade de pór en valor este emprazamento pola significación histórica do acto que daría pé ao futuro galeguismo político
Santiago de Compostela, 15 de abril de 2014.- O concelleiro do BNG Rafael Vilar presentou unha moción para a restauración do emprazamento onde se celebrou o Banquete de Conxo en 1856, un lugar simbólico que cómpre recuperar pola súa significación histórica no contexto de emerxencia dun movemento que daría pé ao galeguismo político.
Na actualidade este espazo está totalmente deteriorado e en situación de semi-abandono, indicou Rafael Vilar. Segundo explicou, no mes de marzo houbo diferentes iniciativas sociais en conmemoración do Banquete de Conxo que demandaron a recuperación e a posta en valor deste lugar pola súa importancia simbólica e histórica para Galiza.
O Banquete de Conxo foi un acto eminentemente político, daquela non había legalizadas organizacións políticas e entón tiñan que aproveitar actos para as proclamas políticas da época, agregou Rafael Vilar. Figuras referenciais como as dos poetas Aurelio Aguirre e Eduardo Pondal estiveron presentes nese acto, que logo mesmo tiveron problemas coa xustiza polas ideas alí expresadas que chegaban da Revolución Francesa e que partían da máxima da Liberdade, Igualdade e Fraternidade.
O BNG considera que para o acondicionamento deste espazo cómpre poñer de acordo as administracións implicadas, pois unha parte deses terreos son do Sergas, da Xunta de Galiza, mais ten que ser o Concello de Santiago quen inicie o labor da restauración deste emprazamento, da recuperación do que queda daquela carballeira de hai 150 anos, da reposición do belvedere alí existente e da canalización dun colector para mellorar a calidade da auga do río.
Logo da súa recuperación, para Rafael Vilar é necesaria tamén a súa posta en valor pola importancia histórica e simbólica para o país e para a cidade, porque Santiago de Compostela era foco desas novas ideas chegadas de Francia de liberdade e de progreso, no contexto de emerxencia dun movemento que daría pé ao galeguismo político, expresou.
Así, o BNG reclamará no Pleno de abril a limpeza da zona, recuperación, reposición do belvedere, sinalización do emprazamento e posta en valor do espazo pola súa significación histórica para que sirva para dar a coñecer este lugar.
Galería de imaxes