O BNG de Santiago quere que o Goberno local se implique no uso do galego no exercicio do seu cargo
Recibiu queixas da veciñanza sobre a falta de uso da lingua galega na atención presencial, telefónica e dixital tanto de edís, como de persoal municipal e de empresas concesionarias de servizos
Santiago de Compostela, 14 de abril de 2014.- O grupo municipal do BNG rexistrou unha iniciativa para que o Goberno local do PP de Santiago empregue publicamente o galego nas súas actuacións e nas actividades que programe, en atención ao mandato legal, e que faga cumprir o regulamento do uso do galego na Administración municipal.
O BNG recibiu reiteradas queixas da veciñanza de Santiago sobre a falta de uso da lingua galega, tanto no relativo á atención telefónica, dixital e presencial de persoal municipal e de empresas concesionarias de servizos públicos, como de propios edís do Goberno local que non o utilizan na interlocución coa cidadanía nin no desempeño das funcións propias do seu cargo, de xeito que incumpren o regulamento do uso do galego na Administración municipal de Santiago de Compostela.
Incúmprese, así mesmo, este regulamento na elaboración de diversa documentación administrativa, en actividades programadas polo Concello de Santiago e mesmo nas instalacións sonoras dos novos parque infantís, entre outros, o que supón un retroceso importante para avanzar na normalización do idioma propio de Galiza.
Deste xeito, o BNG de Santiago defenderá un rogo no vindeiro Pleno para lembrarlle ao Goberno local que os poderes públicos teñen o mandato democrático de promoveren o uso do galego, tal como consta no Estatuto de Autonomía, na Lei de Normalización Lingüística e no desenvolvemento normativo e regulamentario da lingua galega.