O BNG empraza o Goberno local a escoitar a Asociación de Hostalaría sobre a nave 5 do mercado
O PP vai deixar escapar a proposta da Asociación de Hostalaría de converter Santiago na capital gastronómica atlántica
Santiago de Compostela, 7 de marzo de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG de Santiago, Rubén Cela, demandoulle á concelleira de Comercio e Turismo que afine o oído e escoite as reclamacións da Asociación de Empresarios de Hostalaría de Santiago sobre a nave 5 da praza abastos. Así, emprazou a Reyes Leis a facer un esforzo por intentar chegar a acordo e a puntos de entendemento polo ben da cidade e non tomar medidas unilaterais na praza de abastos que despois sexan irreversíbeis.
Para o BNG non hai que paralizar as obras da praza de abastos, poden e deben continuar coa prudencia de non estar determinados ao 100% dos usos da nave, porque hai actuacións no marco desa obra que hai que facelas con independencia do seu contido final. Non teñen que parar as obras, a que ten que parar para realizar unha reflexión máis profunda é a concelleira de Comercio e Turismo, indicou.
Reyes Leis debería abandonar o triunfalismo que a caracteriza e baixar ao terreo da realidade, porque lonxe de camiñar cara á desestacionalización do turismo en Santiago temos invernos máis duros non só no meteorolóxico, afirmou, e cando se coñezan os datos turísticos de febreiro poderemos comprobar que, lonxe de avanzar, se dan pasos cara atrás durante o inverno en pernoctacións e en restauración.
Referiuse tamén a que o Plan Estratéxico de Santiago en materia de turismo especificaba as necesidades de desestacionalización e apuntaba ao turismo de congresos e ao turismo gastronómico. En ambos os casos fixéronse as cousas rematadamente mal por parte do actual Goberno local, indicou Rubén Cela.
Cuestionou que esta concelleira e o grupo de goberno do PP local deixaron escapar para A Coruña un evento importante como era o Fórum Gastronómico e agora pretenden deixar escapar a proposta da Asociación de Hostalaría de converter Santiago na capital gastronómica atlántica. Se Reyes Leis tivese unha opción mellor, debería presentar a súa proposta e lembrou que, nese sentido, o BNG rexistrou unha pregunta hai un mes para coñecer o seu proxecto e aínda non foi respondida.
O portavoz nacionalista en Raxoi subliñou, ademais, que entidades como a Cámara de Comercio, o Colexio de Arquitectos, a Fundación Catedral, Santiago Centro e gastronómicos como o Grupo Nove, Xantares, Gallaecia e Rías Altas avalan o proxecto da Asociación de Hostalaría de Santiago.