O BNG anima a participar nos actos do Día Internacional das Mulleres

O BNG anima a participar nos actos do Día Internacional das Mulleres

A manifestación deste domingo, contra a reforma da lei do aborto, rematará na Quintana coas actuacións de Sés, Mercedes Peón, Uxía Senlle e As Boubas

aborto

Santiago de Compostela, 6 de marzo de 2014.- O BNG anima a sumarse ás mobilizacións conmemorativas do 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres, organizadas en Santiago de Compostela. A formación nacionalista desenvolve a campaña reivindicativa “O noso corpo, a nosa decisión” contraria á reforma da lei do aborto e, nesta ocasión, sairá ás rúas co lema “Que non decidan por ti”.

Así, este domingo ás 12:00 partirá da estación de tren de Santiago a manifestación unitaria convocada pola Plataforma Galega en Defensa do Aborto, inserida na Marcha Mundial das Mulleres na que está integrado o BNG, que percorrerá as rúas da cidade para rematar na praza da Quintana. Alí actuarán artistas como Sés, Mercedes Peón, Uxía Senlle e As Boubas que amenizarán o evento.

Coa participación nesta mobilización, o BNG de Santiago quere chamar a atención sobre as consecuencias que vai implicar o cambio desta norma que pretende o Goberno do PP, xa que se aplicará un retroceso de décadas que vulnera dereitos de saúde sexual e reprodutiva das mulleres.

Defende tamén que a Xunta de Galiza poña en marcha as medidas necesarias para garantir que en todas as áreas sanitarias e os hospitais públicos galegos atendan a demanda existente de realización de interrupcións voluntarias de embarazo cos seus medios propios, coa finalidade de garantir a igualdade no acceso a esta prestación.

O BNG cuestiona que a nova normativa sobre o aborto impulsada polo PP pretende aplicar o programa ideolóxico dos grupos ultra relixiosos que se opoñen aos dereitos das mulleres sen responder, en ningún caso, a criterios sanitarios.

Colectivos feministas alertaron de que esta nova lei vai supor un retorno a prácticas de risco como os abortos clandestinos, porque deixa nunha situación de desamparo moitas mulleres que pertencen a colectivos desfavorecidos ou que carecen de recursos, o que supón un grave perigo para a saúde das mulleres. A OMS tamén advertiu do risco que isto entraña pois, nos países en que o aborto está penalizado, se producen anualmente 19 millóns de interrupcións voluntarias do embarazo aínda sendo ilegal, co que este tipo de normativas provocan unha vulneración do dereito á saúde das mulleres.

O BNG anima a participar nos actos do Día Internacional das Mulleres