O BNG organizou un cortexo fúnebre para enterrar a corrupción

O BNG organizou un cortexo fúnebre para enterrar a corrupción

“Currás sabe que Feijóo non decidirá que dimitan as persoas imputadas neste caso sen que o faga o propio alcalde”

Santiago de Compostela, 5 de marzo de 2014.- O BNG organizou un cortexo fúnebre que percorreu diversas rúas da cidade, dende o pazo de Raxoi ao cemiterio do parque de Bonaval, para escenificar o enterro da corrupción. Ao inicio do acto, a responsábel de Implantación e Estratexia Municipal da Executiva do BNG, Goretti Sanmartín, afirmou que “a cidadanía está indignada cos escándalos de corrupción, coa permisividade e coa irresponsabilidade política do PP e, moi concretamente, do seu presidente, Núñez Feijóo”.

Unhas 50 persoas, entre as que estaba o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, membros da Executiva Nacional, o grupo municipal e militantes e simpatizantes da formación nacionalista participaron no evento. “Convocamos este enterro da corrupción porque o goberno local do PP en Compostela carece de lexitimidade e de credibilidade e ten que rematar de maneira inmediata a entroidada a que someteron á veciñanza”, explicou Goretti Sanmartín.

Para a responsábel municipal da Executiva do BNG, “dá vergoña e resulta sintomático, ver que o actual alcalde Ángel Currás solicita excepcións ás responsabilidades políticas cando as veciñas e os veciños de Compostela saben que non pide esas excepcións para as concelleiras e os concelleiros imputados por prevaricación polo caso Adrián Varela, pide esa excepción para el mesmo, imputado por prevaricación, por acoso moral e por tráfico de influencias”. Currás sabe que Feijóo non decidirá que dimitan as persoas imputadas neste caso sen que o faga o propio alcalde, máximo responsábel do que acontece no Concello, engadiu.

Por iso, o BNG diríxese directamente a Feijóo, quen ten a responsabilidade de facer dimitir todas as persoas imputadas no Concello de Compostela, a única maneira de comezar o proceso para recuperar a confianza da cidadanía na política, total e loxicamente perdida tras unha “situación esperpéntica”, afirmou. “De o non facer así, Feijóo será cómplice e mentirá, máis unha vez, aos galegos e galegas, ao se comprometer a aplicar medidas internas para demostrar a tolerancia cero coa corrupción”, sinalou.

Só caben, por tanto, dúas opcións: darlle a voz á xente, convocar eleccións para que fale a verdadeira Compostela, a que está nas rúas e bota as mans á cabeza ou xa nin pode mirar o que din os medios ou proceder de urxencia á substitución de todas as persoas implicadas, que corra a listaxe e que deixar atrás “o peor dos pesadelos para a capital da Galiza”. “Agardamos, pois, que Feijóo escoite as pregarias con que imos soterrar hoxe a corrupción, polo ben do noso concello, da xente de Santiago e do conxunto do país”, indicou Goretti Sanmartín.

Podes ver a GALERÍA DE IMAXES

O BNG organizou un cortexo fúnebre para enterrar a corrupción