Cela: Cada paso que se dá na vida xudicial reafirma a necesidade de dimisión dos cargos imputados"
É un erro contestarlle á preocupación cidadá pola política cun portazo
Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, expresou a preguntas de xornalistas que este Goberno local do PP está absolutamente desacreditado, deslexitimado, desprestixiado; ademais de ser incapaz de xestionar o día a día da capital de Galiza.
Neste sentido, indicou que o PP ten dúas opcións: seguir mirando para outro lado ou actuar dunha vez para evitar que Santiago se desangre, tanto a súa imaxe como o seu funcionamento durante 15 meses máis e iso está nas mans do PPdeG.
Para Rubén Cela, o feito de que se coñeza que se inicia a apertura de xuízo oral contra os sete edís que formaban parte da Xunta de Goberno que aprobou a autorización do pago con fondos públicos da defensa xudicial de Adrián Varela, é unha pinga máis nun vaso que xa rebordaba hai tempo e reafirma o que vén esixindo o BNG dende hai un ano e que leva a pedir con maior insistencia á dirección do PP e polo seu presidente Núñez Feijóo a tomar medidas dunha vez no Concello de Santiago.
Cada paso que se dá na vida xudicial vén reafirmar a necesidade de dimisión de todos os concelleiros e todas as concelleiras imputados por presuntos casos de corrupción ou de malas prácticas especialmente gravosas que crean especial alarma social, sinalou.
O único que non se debería permitir é que non pase nada, porque é unha situación especialmente grave, independentemente de que haxa xuízo oral ou non, hai seis causas xudiciais enriba da mesa contra este goberno, que ten 10 dos seus 13 membros imputados, explicou.
Portazo á preocupación cidadá
Ademais, cualificou como errada a decisión de manterse nos cargos a pesar de que a opinión cidadá maioritaria é clara, posto que existe un problema grave de percepción social da política e do funcionamento das institucións e, en concreto, do Goberno local do PP de Compostela. É un erro contestarlle a esa preocupación cidadá cun portazo, como fai quen non dimite cando está imputado, expresou.
Un goberno serio debería dar explicacións, pedir desculpas, asumir responsabilidades e facer dimitir os cargos imputados, insistiu Rubén Cela, e diferenciou entre a inocencia legal e a inocencia política.
Para o BNG, hai motivos de sobra para asumir responsabilidades políticas e non facelo só contribúe a agrandar o problema, é un erro que non actúen motu proprio os propios concelleiros do PP e do PSOE, mais tamén é un erro por parte da dirección dos seus respectivos partidos non esixir e non obrigalos a que dimitan cando están imputados, engadiu.