O BNG esíxelle a Feijóo o cese inmediato dos cargos imputados no PP de Santiago
Advirte de que o PP pode tratar de estirar os prazos de xeito artificioso para privar a cidadanía do seu poder de decisión na elección dos seus representantes na Corporación municipal e nomear unha comisión xestora
Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2014.- O BNG de Santiago cualifica de insostíbel a situación do actual Goberno local do PP logo de que a Fiscalía anunciase a petición de nove anos de inhabilitación para sete edís por suposto delito de prevaricación no que incorreron ao acordaren en Xunta de Goberno pagar con fondos públicos a defensa xudicial do concelleiro de Deportes imputado por suposta corrupción (falsidade documental, suborno e prevaricación).
Para o BNG, o Goberno de Ángel Currás está nunha situación límite ao sumarse esta causa ás seis operacións e casos xudiciais abertos con anterioridade.
Deste xeito, o BNG reitera a esixencia da dimisión inmediata da totalidade dos cargos imputados por suposta corrupción ou por malas prácticas na xestión municipal especialmente graves que xeran grande alarma social e, de acordo coa lei electoral, que se proceda a abrirlles paso ás seguintes persoas que conforman a listaxe coa que o PP concorreu aos comicios municipais de 2009 e incorpore as suplencias necesarias.
A lexislación electoral contempla tamén a posibilidade de disolver a Corporación e, neste sentido, o BNG defende que é necesario garantir que sexa a cidadanía quen escolla democraticamente os seus representantes de aí que, chegado o caso, sexa preciso un proceso de eleccións anticipadas que lle devolva a voz á veciñanza de Santiago de Compostela.
Porén, o BNG advirte de que o PP pode tratar de estirar os prazos de xeito artificioso para privar a cidadanía do seu poder de decisión na elección dos seus representantes na Corporación municipal coa pretensión de nomear unha comisión xestora.
Deste xeito, o BNG insta ao presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, a adoptar medidas inmediatas para resolver o conflito xerado no Concello de Santiago por mor da corrupción, co obxectivo de que dimitan todos os cargos imputados para restituír a confianza da cidadanía nas institucións e recuperar a imaxe gravemente deteriorada da capital de Galiza.