Quen ensucia e maltrata a imaxe de Santiago é o Goberno do PP, non os cartaces contra a corrupción
O Goberno de Currás está enfrontado coa cidade e co mundo
Santiago de Compostela, 28 de febreiro de 2014.- O portavoz do grupo municipal do BNG, Rubén Cela, ao remate do Pleno de aprobación definitiva dos Orzamentos para 2014, respondeulle ao alcalde que quen ensucia esta cidade non é o BNG coa colocación de cartaces contra a corrupción e coa petición da dimisión dos cargos imputados; o único que ensuciou e maltratou, de xeito sistemático dende hai tres anos, o nome e a imaxe de Santiago de Compostela foi o Goberno do PP.
Tanto o Pleno ordinario de febreiro como o Pleno da aprobación definitiva de orzamentos son, en palabras de Rubén Cela, un fiel reflexo da situación do PP, cun Goberno municipal e cun alcalde acurralado polas súas propias accións, superado polas circunstancias que eles mesmos crearon e que, por desgraza, non son chismes para esta cidade.
Nestas dúas sesións plenarias, proseguiu, asistimos á resposta de quen está desesperado, nervioso e falto de argumentos. A única resposta que lle escoitamos é a calumnia e a culpa de todo sempre é dos demais, agregou, o Goberno de Currás está enfrontado coa cidade e co mundo; a maior mostra vímola onte na praza do Obradoiro onde se deron cita cinco colectivos sociais coas súas protestas.
Deste xeito, lamentou que culpe os xuíces, os medios de comunicación, os colexios profesionais, as asociacións veciñais e a oposición e, nomeadamente ao BNG, do que acontece no Concello de Santiago pero nunca culpa o Goberno do PP. Todo isto responde a un contexto de nerviosismo e desesperación do PP de Santiago cun Goberno á deriva, afirmou.
Requiriulle tamén un mínimo de humildade ao PP, que co seu autoritarismo e coa súa prepotencia non aprobou ningunha alegación proposta por colectivos, sindicatos, empresas, particulares e formación políticas -agás as propias introducidas polo PP. É unha cousa moi significativa que tan só unhas semanas despois da aprobación inicial das súas propias contas teñan xa que autoemendarse, sinalou.
Póliza de crédito
Rubén Cela referiuse tamén ás falsas afirmacións no Pleno sobre a póliza de crédito da concelleira de Facenda, Cecilia Sierra, cando no informe pon textualmente que no que atinxe á non orzamentación dos xuros da operación de endebedamento a previsión é formalizar o contrato do préstamo no primeiro cuadrimestre do ano na modalidade dunha póliza de crédito e non dispoñelo até o 30 decembro, deste xeito os xuros se devengarán no exercicio 2015.
Deste xeito, lembrou tamén que do capítulo de investimentos, 6 dos de 9,9 millóns de euros íanse sufragar con este crédito que non vai existir, porque non vai estar dispoñíbel até o 30 de decembro e así ningunha das actuacións programadas ao abeiro deste préstamo se poderán executar, cando menos, tal como están contempladas na actualidade, con independencia do que pase dos remanentes do exercicio do ano pasado. Trátase, polo tanto, dunha falacia e dun orzamento fraudulento que foi aprobado e presentado ao conxunto da veciñanza, concluíu o portavoz do BNG.
Contido das alegacións do BNG desestimadas
Coa desestimación das alegacións do BNG ao orzamento municipal para 2014, a cidadanía non se poderá beneficiar da posta en marcha dun plan contra a pobreza, de comedores escolares fóra do período lectivo, dun bonobús para persoas desempregadas, de axudas para material escolar, dun Consello de Cooperación para coordinar as axudas sociais, dun programa para a creación de emprego estábel, dun plan integral de mellora do arranxo de vías e beirarrúas e de obras de saneamento e abastecemento no rural, entre outros temas.